A Xunta inicia o procedemento de investigación da titularidade de inmobles nas aldeas modelo dos concellos de Sober, Taboadela e Cualedro

A Xunta inicia o procedemento de investigación da titularidade de inmobles nas aldeas modelo dos concellos de Sober, Taboadela e Cualedro
06 Sep 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os anuncios do comezo dos procedementos de investigación de titularidade de inmobles por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural nas aldeas modelo de Sober, Taboadela e Cualedro.

Estes expedientes lévanse a cabo dentro dos traballos de desenvolvemento destas aldeas modelo. En concreto, a de Francos de Proendos, no concello lucense de Sober, estase a traballar nunha superficie de preto de 13 hectáreas distribuídas en 119 parcelas de 70 titulares catastrais. Co procedemento que se publica hoxe, vaise clarexar a titularidade de 16 parcelas.

No caso da aldea modelo de Covelo, do concello ourensán de Taboadela, conta cunha superficie de máis de 15 hectáreas divididas en 223 parcelas de 109 propietarios, e se clarexará a titularidade de 12 inmobles. Por último, a aldea modelo de Carzoá, no concello ourensán de Cualedro, abrangue unha superficie de preto de 54 hectáreas con 389 parcelas duns 215 propietarios, na que serán 24 as parcelas que se clarexarán.

Como paso previo ao inicio destes expedientes de investigación da titularidade, consultouse a información catastral, o rexistro da propiedade e, en colaboración cos Concellos, recolleuse a documentación aportada polos veciños e titulares dos predios das aldeas modelo de Francos de Proendos, Covelo e Carzoá.

O inicio dos expedientes serán trasladados ás diferentes administracións para que se difundan o máximo posible e estarán expostos durante un prazo de 20 días. A continuación, rematado dito prazo de exposición, as persoas afectadas poderán alegar durante un período dun mes, a maiores. Para facelo, deberán achegar os datos, antecedentes ou documentos que consideren pertinentes para fundar o seu dereito, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A Lei recolle distintas opcións de acreditar e demostrar a titulariades dos predios.

Os procedementos que se publican hoxe terán que estar instruídos e resoltos nun prazo máximo de dous anos e ao seu remate darase traslado a Administración Xeral do Estado para a actualización dos datos catastrais.

 

Procedemento novidoso

O procedemento da investigación da titularidade é unha das grandes novidades da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, na que se regulou un procedemento que atribúe por primeira vez ao Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia a facultade para investigar a situación de inmobles existentes en solo rústico ou en solo de núcleo rural dos que non se teña certeza sobre a súa titularidade.

Así, na procura da maior seguridade e rigor nos traballos, empézase a realizar este labor naqueles lugares nos que existen instrumentos de recuperación da terra en avanzado estado de desenvolvemento -caso desta aldea modelo, ou de determinados polígonos agroforestais nos que se vai implementar a partires de agora-.

En todo caso, cómpre engadir que as parcelas suxeitas a este procedemento de investigación son integradas transitoriamente no Banco de Terras para poder poñelas en produción dentro deste instrumento de recuperación de terras. Deste xeito evítase tanto o propio deterioro dos predios como o risco ambiental que supón a súa situación de abandono, ao tempo que se posibilita o seu aproveitamento agrario. Esta integración cautelar non supón a perda de dereitos por parte de posibles titulares, xa que en caso de aparición da persoa titular do predio se lle fará entrega deste e das rendas derivadas polo seu arrendamento.