Medio Rural mantén aberto ata o 22 de maio o prazo para solicitar parcelas dispoñibles en concorrencia a través do Banco de Terras

Banco de Terras de Galicia
09 May 2026

A Consellería do Medio Rural ten aberto, ata o vindeiro día 22 deste mes de maio, o prazo para realizar solicitudes de arrendamento de parcelas a través do Banco de Terras de Galicia. Este período iniciouse o pasado día 4 de maio e é un dos dous que se abre ao longo do ano (en maio e novembro) para solicitar parcelas no estado de dispoñible en concorrencia. Para as parcelas no estado de dispoñible sen concorrencia, o prazo permanece aberto durante todo o ano, en virtude da novidade introducida neste 2026.

En total, son 6.639 as parcelas dispoñibles actualmente para poder ser arrendadas a través do Banco por medio destes dous procedementos. Delas, 5.002 corresponden ao procedemento no estado de dispoñible sen concorrencia e as 1.637 restantes ao procedemento no estado de dispoñible en concorrencia.

O Banco de Terras de Galicia é un instrumento creado pola Consellería do Medio Rural co dobre obxectivo de evitar o abandono da terra agraria e de poñela a disposición de todas aquelas persoas que a necesiten para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e do patrimonio ou outros usos de interese social. A función principal do Banco de Terras é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias de terras e aquelas que as precisan, así como dar a ambas partes garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso das parcelas.

Calquera persoa que precise terras para desenvolver ou ampliar unha explotación agraria e/ou forestal ou para desenvolver un proxecto con outros fins (ambientais, paisaxísticos, de custodia do territorio, de infraestruturas, patrimoniais ou de conservación da natureza) pode dirixirse ao Banco de Terras. Nel poderá atopar unha relación permanentemente actualizada das fincas que están dispoñibles e solicitar o seu arrendamento ou cesión por un período de tempo determinado.

 

Ferramenta web para consulta e solicitude

O Sistema de Información de Terras de Galicia é a ferramenta web na que se poden consultar e solicitar as parcelas que están incorporadas ao Banco de Terras de Galicia, a través da páxina https://sitegal.xunta.gal/sitegal. Nela figura unha lista actualizada de todas as parcelas dispoñibles no Banco de Terras de Galicia que se poderán consultar dende calquera ordenador conectado a Internet.

Para arrendar predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado de dispoñibles en concorrencia, as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou desde a páxina web do Banco de Terras de Galicia (https://sitegal.xunta.gal/sitegal), procedemento MR711B. Para calquera dúbida ou para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Banco de Terras a través do teléfono: 881 997 193 ou do correo electrónico: bancodeterras [at] xunta.gal.