Catálogos de solos agropecuarios e forestais
O Catálogo de solos agropecuarios e forestais é o instrumento marco para a ordenación e xestión do desenvolvemento dos usos destes solos sobre o territorio galego. Con este fin clasificará a totalidade dos terreos agroforestais en agropecuarios ou forestais en función da súa aptitude produtiva actual e potencial a partir da análise de factores físicos, ambientais, estruturais e socioeconómicos.
O Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia procurará unha distribución axeitada dos usos agrogandeiros e forestais no territorio galego e favorecerá o desenvolvemento destes usos fronte ao abandono da terra agroforestal. De modo particular, o catálogo buscará garantir unha superficie agraria útil próxima á media nacional ou europea.
Tanto nos terreos agropecuarios como nos forestais, o catálogo identificará respectivamente os solos rústicos de alta produtividade agropecuaria e forestal, que adquirirán a categoría de solo rústico de especial protección agropecuaria ou forestal a efectos da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e prevalecerán sobre a información do solo rústico do planeamento urbanístico.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural será a responsable da elaboración e tramitación do Catálogo, así como do seu plan de seguimento.