Banco de explotacións
O banco de explotación actuará como un instrumento público de intermediación que terá como finalidade facilitar a posta en contacto entre persoas titulares de explotacións agroforestais que, voluntaria ou forzosamente, abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a ela, co obxectivo de garantir a continuidade da explotación e así loitar contra o seu desmantelamento e o abandono sobrevido das terras que a constitúen.
A inclusión de explotacións no Banco iniciarase por solicitude de calquera persoa interesada cuxa explotación estea incluída no Rexistro de Explotacións. As solicitudes de incorporación irán acompañadas dunha declaración xurada da veracidade da información facilitada.
Unha explotación poderá estar incluída no Banco de Explotacións un período máximo de dous anos, contado a partir da data de abandono da actividade.
A persoa titular da explotación ou, de ser o caso, a persoa representante, deberá indicar a relación de parcelas e bens que forman parte da explotación, e poderá establecer un prezo de venda e/ou arrendamento para o seu conxunto, sen que este sexa un requisito obrigatorio. Formarán parte da relación, caso de existiren:
- Os bens inmobles de natureza rústica e calquera outro que sexa obxecto de aproveitamento agroforestal.
- As construcións e instalacións agroforestais, mesmo de natureza industrial.
- O gando, as máquinas, os apeiros e demais bens mobles integrados na explotación e afectos a ela.
- Os dereitos e obrigas que poidan corresponder ao seu titular e que estean afectos a esta. Entre estes inclúense bens e dereitos de natureza inmaterial, entre outros, os signos distintivos tales como o nome comercial e o rótulo da explotación; a marca e a adscrición ás denominacións de orixe e outras indicacións xeográficas protexidas; as marcas de produción ecolóxica e integrada; a adhesión a un sistema de certificación forestal sustentable, e os dereitos sobre variedades vexetais e dereitos de produción.
Visor público do Banco de explotacións
O Banco de explotacións dispón dun visor de acceso público para localizar as distintas explotacións distribuídas por Galicia. Pode acceder a el premendo na seguinte ligazón ou ben indo á páxina https://banexp.xunta.gal/banexp/.