Ferramenta web SITEGAL

O Sistema de Información de Terras de Galicia (SITEGAL) é a ferramenta web na que se poden consultar e solicitar as parcelas que están incorporadas ao Banco de Terras de Galicia.

O Banco de Terras de Galicia é un instrumento creado pola Consellería do Medio Rural e integrado na Axencia Galega de Desenvolvermento Rural (Agader) co que se pretende regular o uso e aproveitamento de parcelas con vocación agraria, co dobre obxectivo de evitar o seu abandono e de poñelas a disposición de todas aquelas persoas que necesiten terra para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e patrimonio ou outros usos de interese social.

Premendo na seguinte imaxe pode acceder á aplicación e tamén consultar os períodos habilitados para a realización de solicitudes. Se o prefire, tamén pode acceder dende a ligazón https://sitegal.xunta.gal/sitegal.

 

enlace á ferramenta web SITEGAL

Como empregar SITEGAL

Se vostede posúe terras e está interesado/a en incorporar as súas parcelas ao Banco de Terras de Galicia, ou se vostede precisa terras para levar a cabo o seu proxecto, pode consultar a través do SITEGAL os trámites que hai que levar a cabo en cada un dos casos, e mesmo pode realizar parte deles a través de Internet.

A continuación resúmese brevemente como ofrecer unha parcela ao Banco e como solicitar unha parcela das que están xa dispoñibles.

 

É vostede unha persoa que ten terras e non lles dá aproveitamento / non as está a traballar?

Cómpre recordar que calquera persoa titular pode incorporar libre e gratuitamente as súas parcelas ao Banco de Terras para que este as ceda en arrendamento.

Para ofrecer unha parcela ao Banco primeiramente terá que facer unha solicitude de incorporación. Na solicitude terá que identificar a parcela, xa sexa no mapa ou ben coa identificación numérica do SIXPAC (provincia, concello, nº de zona, nº de polígono e nº de parcela), establecer o prezo ao que quere que se arrende a finca (debe ser como mínimo o prezo de referencia establecido polo Banco de Terras que se amosará ao introducir os datos da parcela) ou equivalente doutra administración. e aportar uns datos mínimos de contacto.

Unha vez remate de introducir a solicitude de incorporación poderá descargar un formulario que deberá remitir a Agader presentándoo nun rexistro da Xunta de Galicia (incluída sede electrónica) ou equivalente doutra administración. Se non é unha persoa obrigada a comunicarse de forma electrónica coa administración pode dirixirse ás Oficinas Agrarias Comarcais da Xunta de Galicia e ás oficinas de Agader en Santiago de Compostela, onde será asistido na xeración da súa solicitude.

 

Necesita vostede terras para desenvolver o seu proxecto?

SITEGAL mantén unha lista actualizada de todas as parcelas dispoñibles no Banco de Terras de Galicia. Pode consultar as parcelas que están dispoñibles en cada momento, No apartado Ver parcelas do Banco pódense buscar parcelas por distintos criterios como a localización, superficie, aproveitamntos permitidos, prezo... O procedemento para solicitar parcelas dispoñibles en concorrencia está regulado pola Orde do 19 de abril polo que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado dispoñible en concorrencia (DOG núm. 80 do 27.04.2022) baixo o código MR711B.

De acordo con el, as parcelas ofertadas no Banco de Terras de Galicia poden ser solicitadas durante 2 períodos ao ano de 15 días hábiles que comezan o 1 de maio e o 1 de novembro, respectivamente. As solicitudes poden presentarse por dúas vías:

  1. Cubrindo o formulario MR711B anexo á Orde indicada e entregándoo nun rexistro da Xunta de Galicia ou equivalente, ou por correo postal con data de entrada no prazo indicado.
  2. Tramitando a solicitude a través da ferramenta web sitegal.

Para presentar a solicitude a través de sitegal deberá identificarse co certificado dixital, chave365 ou DNI electrónico. Unha vez feita sesión e identificada a parcela ten a opción de solicitar a parcela en arrendamento. A aplicación guiaralle pedíndolle toda a información contemplada no modelo normalizado MR711B. Unha vez cuberta a solicitude permitiralle imprimir o formulario en .pdf para que a asine e a entregue nun rexistro de forma presencial ou por correo postal, ou conectarse directamente coa sede electrónica da Xunta de Galicia para entregala por vía telemática. Aquelas persoas que estean obrigadas a comunicarse por vía electrónica coa administración deberán usar esta última vía, no caso de que a entreguen nun rexistro presencial requiriráselles que a entreguen de forma electrónica sendo considerada como data de presentación a data na que a entreguen por medio electrónico.

No caso de persoas non obrigadas a comunicarse electronicamente, pódese ter asistencia para a creación das solicitudes nas Oficinas Agrarias Comarcais da Xunta de Galicia e nas oficinas de Agader en Santiago de Compostela, para ser asistido na xeración de solicitudes.

Se non atopa ningunha parcela do seu interese, sitegal permítelle introducir unha “demanda de parcelas” indicando a localización e características das parcelas nas que estaría interesado. No caso de que se oferte algunha parcela coas características indicadas sitegal enviará avisos ao correo electrónico. A demanda de parcelas non constitúe unha solicitude de arrendamento, é unha ferramenta de axuda para localizar parcelas

 

Ligazóns de interese