Medio Rural saca a concorrencia competitiva as parcelas do polígono agroforestal de Cualedro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola cal se aproba o polígono agroforestal de Cualedro e os pregos para regular o procedemento de concorrencia para a selección de propostas para levar a cabo nas súas parcelas.
Este polígono, situado na provincia de Ourense, foi desenvolvido ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, e abrangue unha superficie de 64 hectáreas, distribuídas en 72 parcelas de 70 titulares catastrais. Terá como actividade principal a gandaría en extensivo e cultivos complementarios á explotación, á que se lle poderá engadir o cultivo agrícola e a plantación de árbores para a obtención de froito.
As persoas interesadas en alugar ou comprar unha parcela deberán cumprir unha serie de requisitos de participación, o que inclúe os criterios de solvencia económica, técnica e profesional e as garantías que deban constituírse para asegurar o mantemento da proposta presentada, así como os criterios de avaliación que permitan seleccionar as mellores propostas presentadas e as obrigas que deban cumprir os participantes e adxudicatarios.
O período habilitado para a presentación de solicitudes é de 15 días hábiles a partir de mañá, día seguinte á publicación desta resolución no DOG, polo que finalizará o 20 de abril. As propostas poderán presentarse a través da sede electrónica da Xunta.
No marco da Lei de recuperación da terra agraria, actualmente hai 34 polígonos agroforestais en distintas fases de execución na nosa comunidade, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que supoñen a posta en valor de 9.532 hectáreas distribuídas en 31.598 parcelas de 9.220 propietarios.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250428/AnuncioO90-090425-00…