Medio Rural avanza no desenvolvemento do polígono agroforestal no Riós que mobilizará case 94 hectáreas
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe os terreos nos que se implantará o polígono agroforestal de Pousada, no concello do Riós, e o cal permitirá mobilizar preto de 94 hectáreas ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Este é un dos 29 polígonos agroforestais postos en marcha na nosa comunidade, 15 deles na provincia de Ourense.
En concreto, a directora xeral comprobou os labores de roza que se están a realizar, ao mesmo tempo que xa se resolveu a investigación da titularidade das máis de 660 parcelas que compoñen este polígono agroforestal, paso previo á recollida de compromisos de adhesión ao proxecto. Nesta fase actual dos traballos, na elaboración do proxecto básico, inclúense o estudo de viabilidade, a revisión do parcelario, a delimitación de exclusións, a investigación da titularidade e a recollida dos compromisos de adhesión.
As actividades previstas neste polígono son a implantación de cultivos leñosos e aproveitamento de castaña como actividade principal así como o sistema agroforestal, cultivos de ciclo curto e complementarios como actividade secundaria. Dentro delas, aquelas modalidades elixidas de gandaría deberán ser en extensivo e terán prioridade as explotacións que inclúan unha produción integrada e/ou en ecolóxico.
Os polígonos agroforestais teñen por obxecto pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva e en estado de infrautilización, recuperando a actividade agrícola ou forestal. Isto permitirá a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores.
Curso de microcredenciais
A maiores, a directora xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural inaugurou o curso de microcredenciais universitarias que se imparte nesta localidade. Esta iniciativa, realizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, contempla a realización de sete iniciativas de formación específica para a adquisición de competencias dixitais dirixido aos profesionais e á cidadanía das zonas rurais durante o curso 2025-26.
O contido desta formación inclúe temas como a dixitalización, o emprego da Intelixencia Artificial, o márketing dixital ou o comercio electrónico. Este programa de accións formativas está dirixido a persoas de entre 25 e 64 anos, é totalmente gratuíto para os participantes e realízase tanto en formato presencial como en liña.