Medio Rural abre desde este luns e ata o 21 de novembro o prazo para arrendar parcelas co Banco de Terras
A Consellería do Medio Rural abrirá a partires deste luns e ata o vindeiro 21 de novembro o prazo para arrendar parcelas a través do Banco de Terras de Galicia. Así, calquera persoa que precise terras para desenvolver ou ampliar unha explotación agraria e/ou forestal ou para realizar un proxecto con outros fins (ambientais, paisaxísticos, de custodia do territorio, de infraestruturas, patrimoniais, de conservación da natureza …) pode dirixirse ao Banco de Terras. Nel poderá atopar unha relación permanentemente actualizada das parcelas que están dispoñibles e solicitar o seu arrendamento ou cesión por un período de tempo determinado.
O Banco de Terras de Galicia é un instrumento creado pola Consellería do Medio Rural co dobre obxectivo de evitar o abandono da terra agraria e de poñela a disposición de todas aquelas persoas que a necesiten para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e do patrimonio ou outros usos de interese social. A súa función principal é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias de terras e aquelas que as precisan, así como dar a ambas partes garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso das parcelas.
O Sistema de Información de Terras de Galicia é a ferramenta web na que se poden consultar e solicitar as parcelas que están incorporadas ao Banco, a través da páxina sitegal.xunta.gal. Dispón dunha lista actualizada de todas as parcelas dispoñibles.
Para arrendar predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado de dispoñibles en concorrencia, as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía telemática na sede electrónica da Xunta de Galicia ou desde a páxina web do Banco referida anteriormente, mediante o procedemento MR711B.
Para calquera dúbida ou para solicitar máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Consellería a través do teléfono: 881 997 193 ou do correo electrónico: bancodeterras [at] xunta.gal