Plan anual de actuacións para a recuperación da terra agraria de Galicia 2025
En base ao artigo 7.2. da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia; a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural elaborou un plan de acción anual das actuacións en materia de recuperación agraria.
Este Plan de actuación ten como propósito avanzar na consecución dos obxectivos da Lei de recuperación, que inclúen a xestión da terra agroforestal, a ordenación dos seus usos, a loita contra o seu abandono e o fomento da súa recuperación. Con este fin establécense os seguintes obxectivos específicos:
- Obxectivo 1: Asegurar o axeitado desenvolvemento das funcións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural relacionadas coa recuperación da terra agraria de Galicia.
- Obxectivo 2: Planificar os usos das terras agroforestais para garantir unha xestión eficiente das terras agrarias dende un punto de vista económico, social e ambiental.
- Obxectivo 3: Facilitar a mobilización de terra para uso agroforestal mediante a posta en contacto das persoas propietarias ou titulares dos dereitos de uso ou aproveitamento das terras coas persoas que demandan terras, fomentando os arrendamentos a través do Banco de Terras de Galicia e as permutas de especial interese agrario.
- Obxectivo 4: Promover a posta en produción das terras agroforestais de Galicia impulsando instrumentos de mobilización e recuperación da terra agraria.
- Obxectivo 5: Fomentar a recuperación da terra agraria a través de medidas financeiras de incentivo que terán por obxecto apoiar os investimentos requiridos polos instrumentos de mobilización e recuperación da terra agraria.
Os obxectivos do Plan concrétanse en cinco eixes estratéxicos divididos en propostas de actuación a desenvolver no ano 2025 en base aos traballos xa executados entre os anos 2020 e 2024.
Os eixes estratéxicos de actuación para o ano 2025 son os seguintes:
- Eixe 1: Organización administrativa
- Eixe 2: Planificación de usos agroforestais
- Eixe 3: Procedementos e instrumentos de mobilización de terras
- Eixe 4: Actuacións e instrumentos de recuperación de terras
- Eixe 5: Medidas de fomento