Medio Rural elaborará no Val de Lemos os primeiros catálogos parciais de solos agropecuarios e forestais de Galicia

Medio Rural elaborará no Val de Lemos os primeiros catálogos parciais de solos agropecuarios e forestais de Galicia
01 Jul 2025

A Consellería do Medio Rural iniciará proximamente os traballos de elaboración dos catálogos parciais de solos agropecuarios e forestais da zona do Val de Lemos, que serán os primeiros de Galicia. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, mantivo esta tarde unha xuntanza con alcaldes e responsables locais de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober para avanzar nesta cuestión, que terá carácter “pioneiro” dentro de Galicia, segundo destacou Gómez.

Nesta liña, a conselleira subliñou que a posta en marcha desta medida foi consensuada cos propios concellos e que ten como obxectivo favorecer a recuperación da terra agraria nesta área, no marco dunha infraestrutura de gran dimensión como é o regadío do Val de Lemos. Nesta zona conflúen unha serie de factores que dificultan o aproveitamento da terra, como son a fragmentación da propiedade, o abandono paulatino da actividade agraria ou a existencia de plantacións en zonas de elevada aptitude agropecuaria.

Produtividade da terra

Esta situación repercute directamente na falta de aproveitamento do regadío e, polo tanto, na falta de produtividade da terra. Co fin de reverter esta dinámica, os devanditos catálogos -contemplados na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia- constitúen unha ferramenta de referencia para a ordenación dos usos do solo rústico. Serven tamén como base para procesos de mobilización de terras, para a declaración de zonas de actuación prioritaria, a creación de polígonos agroforestais ou como incentivos e axudas para a recuperación da terra.

Ademais, cómpre salientar que se trata de documentos dinámicos, que se actualizarán periodicamente e que permitirán definir a distribución idónea dos solos agropecuarios e forestais sobre o territorio en función da súa aptitude actual e potencial, mediante unha análise de factores físicos, ambientais, estruturais e socioeconómicos. A súa finalidade, polo tanto, é a de procurar que cada aproveitamento se implante nos terreos máis axeitados.

Fondos para impulsar infraestruturas na zona

Neste contexto, o compromiso do Goberno galego co futuro desta zona e cos regantes ponse de manifesto nos orzamentos para este ano 2025, nos que se habilitou unha partida de 600 mil euros para impulsar as súas infraestruturas.

Deste xeito, constátase que hai potencial para desenvolver o regadío e as actividades agrogandeiras e forestais nesta zona, pero cómpre realizar ese traballo previo de ordenación do territorio, para o cal os catálogos parciais son unha ferramenta da máxima utilidade.