A Xunta ultima o pasteiro de Quireza en Cerdedo-Cotobade que suporá actuar en 32 hectáreas
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, supervisou o avance do pasteiro de Quireza, situado no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade e enmarcado na cuarta fase do Plan de pastos 2022-2023. No percorrido tamén estivo presente o alcalde da localidade, Jorge Cubela.
O pasteiro atópase no monte veciñal homónimo, no que se están a realizar labores de posta a punto nunha superficie de 32 hectáreas. Nos próximos meses prevese executar os traballos de abonado e sementeira, que finalizarán o proxecto. Cómpre sinalar que, coas catro fases completadas, co devandito Plan de pastos actuarase nunha superficie aproximada de 4.416 hectáreas. O investimento total previsto para o conxunto do Plan sitúase en 9,5 millóns de euros.
Na súa visita, tamén comprobaron as obras de mellora de infraestruturas financiadas pola Consellería do Medio Rural no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Estes procedementos están centrados na mellora das vías de titularidade municipal en varios emprazamentos deste municipio.
Así, estanse a levar a cabo traballos como a pavimentación de varios tramos na contorna da Capela de Nosa Señora de Loreto, a mellora da recollida de pluviais coa instalación de canais de PVC e a optimización da accesibilidade en tramos de acceso ás vivendas.