A Xunta ten aberto un proceso selectivo cun orzamento de máis de 3,5 M€ para a contratación dos traballos incluídos nos estudos de viabilidade dos polígonos agroforestais

A Xunta ten aberto un proceso selectivo
28 Aug 2023

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ten aberto un proceso selectivo para a contratación dos traballos incluídos nos estudos de viabilidade dos polígonos agroforestais. Este acordo marco conta cun orzamento estimado de máis de 3,5 millóns de euros, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural enmarcado no PDR de Galicia 2014-2020 e no Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de España (PEPAC).

O procedemento deste acordo marco pretende seleccionar a un máximo de 10 empresas co fin de que realicen traballos de carácter técnico e xurídico para o apoio aos servizos técnicos e medio propios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. En concreto, os labores centraranse naqueles necesarios para a posta en marcha dos polígonos agroforestais e que se atopan recollidos na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia.

Entre as funcións específicas das empresas seleccionadas estarían a elaboración do documento do estudo de viabilidade dos polígonos agroforestais, no que se inclúen, entre outras cousas, a identificación de usos e actividades admisibles no polígono e a análise dos prezos de referencia, das superficies mínimas e da vida útil do polígono; a tramitación ambiental; a prospección arqueolóxica no caso de ser precisa; a revisión do parcelario, para a comprobación sobre o terreo da precisión do parcelario existente e, de ser necesario, a execución dun levantamento topográfico complementario; a investigación da titularidade das parcelas; ou a recollida dos compromisos de adhesión ao polígono.

Mediante o procedemento de contratación iniciado preténdese gañar en axilidade na posta en marcha dos polígonos agroforestais, ao dispoñer de apoio técnico no desenvolvemento dos traballos segundo as distintas fases nas que se atopan os polígonos agroforestais nos que se está a traballar dende a Consellería do Medio Rural .

As empresas interesadas teñen ata o vindeiro venres 8 de setembro para presentar a súa solicitude. Toda a información sobre a documentación do procedemento pode atoparse na plataforma de contratos públicos da Xunta de Galicia.

 

Enlace ao procedemento: https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=820035&lang=gl