A Xunta somete a exposición pública os polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro na provincia de Ourense

A Xunta somete a exposición pública os polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro
05 Jul 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe cadanseu anuncio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polo que se someten a exposición pública os polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro, ambos os dous na provincia de Ourense. Deste xeito, dáse traslado das actuacións levadas a cabo por esta Axencia, adscrita á Consellería do Medio Rural, na posta en marcha destas iniciativas, aos efectos de que calquera persoa interesada poida tomar coñecemento delas. O prazo da exposición pública das actuacións é de vinte días hábiles dende mañá ata o vindeiro 3 de agosto.

Estes proxectos enmárcanse dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e suporán a mobilización, en conxunto, de máis de 85 hectáreas. Así, o polígono de Oímbra, no concello homónimo, conta con 21,76 hectáreas de terreo divididas en 72 parcelas de 73 propietarios e o de Cualedro, no concello do mesmo nome, agrupa un total de 64 hectáreas de terreo correspondentes a 72 predios que contan con 70 titulares.

Cabe sinalar que neste caso, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, o obxectivo prioritario é poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal.

No caso do polígono de Oímbra, o uso planificado é principalmente o de cultivo leñoso, como o viñedo, e tamén hortícola, principalmente o pemento. Tamén se contempla a posibilidade de poder establecer un aproveitamento gandeiro en extensivo. A documentación pertinente está publicada tanto na páxina da Axencia de Desenvolvemento Rural como no propio taboleiro do Concello.

Pola súa banda, o polígono agroforestal de Cualedro destaca polo uso principal da gandaría en extensivo e os cultivos agrícolas, principalmente complementarios para o aproveitamento gandeiro, pero tamén con presenza doutras variedades. A información relativa ás actuacións e ao estudo de viabilidade destes terreos atópase de xeito público na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e tamén nos elementos de difusión do Concello.

 

Enlaces ás publicacións dos anuncios no DOG:

Oímbra: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230705/AnuncioO90-220623-00…

Cualedro: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230705/AnuncioO90-220623-00…