A Xunta sacará a concorrencia pública a xestión do polígono agroforestal de Oímbra en setembro

A Xunta sacará a concorrencia pública a xestión do polígono agroforestal de Oímbra en setembro
17 Jul 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e pola alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, visitou este mediodía o polígono agroforestal desta localidade ourensá. A visita coincidiu coa publicación, precisamente hoxe, no Diario Oficial de Galicia, da proposta de aprobación do proxecto básico desta iniciativa de recuperación de terra. Así mesmo, avanzou que está previsto sacar a concorrencia pública a xestión deste polígono a mediados do vindeiro mes de setembro e a partir dese momento os interesados nas parcelas, ben sexa para alugar ou para comprar, poderán presentar a súa oferta.

O polígono agroforestal de Oímbra, desenvolvido ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, abrangue unha superficie total de 21,76 hectáreas, distribuídas en 72 parcelas de 73 propietarios.

Nesta liña, María José Gómez salientou que este tipo de figuras son unha ferramenta idónea para recuperar a terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándose aos incendios forestais. Lembrou, ademais, que actualmente hai 34 polígonos agroforestais -21 deles na provincia de Ourense- en marcha na nosa comunidade. Todos eles supoñen a posta en valor de máis de 9.500 hectáreas distribuídas en preto de 31.600 parcelas propiedade de 9.220 veciños.

Neste mesmo sentido, a conselleira trasladou que, a maiores dos polígonos agroforestais, desde o Goberno galego seguiranse activando todos aqueles instrumentos que sexan útiles e áxiles de cara á mobilización de terra agraria, como poden ser as permutas de especial interese agrario. E, por suposto, -engadiu- tamén se axilizarán os procesos de reestruturacións e concentracións parcelarias abertos, que suman máis de 100.000 hectáreas no conxunto de Galicia.

 

Implicación e compromiso do Concello de Oímbra

Na visita, Gómez agradeceu tamén á alcaldesa “a súa implicación e compromiso” con este polígono e, en xeral, coa dinamización rural do municipio. Algo que se pon de manifesto, tal e como sinalou a conselleira, a través do convenio de colaboración asinado recentemente para renovar o local social de San Cibrao, cun investimento de 48.000 que se destinarán a renovar o tellado e a restauración dos muros.

A maiores, neste contexto a titular de Medio Rural puxo en valor a magnitude e importancia da base aérea transfronteiriza de Verín-Oímbra, que a propia Consellería está construíndo para mellorar a eficacia na loita contra os incendios forestais en toda esta área, e que -avanzou- comezará a funcionar proximamente.