A Xunta remata a parcelaria de San Vitoiro-Urrós, no concello ourensán de Allariz, tras reorganizar unha superficie de 445 hectáreas

A Xunta remata a parcelaria de San Vitoiro-Urrós, no concello ourensán de Allariz
06 Oct 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de San Vitoiro-Urrós, nesta localidade ourensá.

Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 445 hectáreas, pertencentes a 767 veciños, e contou cun investimento de 2,2 millóns de euros para as asistencias técnicas e obras dos camiños principais, secundarios e outras obras complementarias.

No acto desta mañá, o conselleiro incidiu na importancia deste traballo, co que se pasou de máis de 5.000 parcelas a 1.327 predios, case que cuadriplicando o tamaño medio das parcelas ao pasar de 884 metros cadrados a máis de 3.110.

O conselleiro explicou que, en paralelo ás novas figuras incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, as parcelarias seguen a ser unha das mellores ferramentas para potenciar o valor das terras. Por iso, detallou, as novas concentracións contan cunha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, xa que permiten aumentar a base territorial das granxas e reducir considerablemente os seus custos de produción.

José González lembrou que, dende o ano 2020, a Xunta rematou coa de Allariz un total de 29 parcelarias, abranguendo unha superficie total de 19.500 hectáreas e beneficiando a máis de 14.000 propietarios, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade.

O conselleiro avanzou que a Xunta seguirá decretando parcelarias onde sexa necesario. Neste sentido, lembrou que dende o ano 2021 decretáronse 29 novas parcelarias ao longo de toda Galicia, abarcando máis de 23.810 hectáreas de 16.300 titulares.

 

35.000 hectáreas mobilizadas na última lexislatura

Xunto ás concentracións parcelarias, o conselleiro de Medio Rural quixo resaltar que a Lei de recuperación da terra agraria aposta por mecanismos de mobilización voluntaria que permitan unha maior participación dos interesados da explotación das terras. Ferramentas coma os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupación de xestión conxunta da terra ou as permutas de especial interese agrario.

Contando todas estas ferramentas, xunto ás parcelarias, a Xunta xa puxo en valor 35.000 hectáreas en toda Galicia nesta lexislatura. Isto amosa, destacou, o compromiso do Goberno galego para mellorar a estrutura territorial da comunidade e polo futuro rendible e sustentable das explotacións agropecuarias que viven nel.