A Xunta remata a parcelaria de Loxo, Enquerentes, Fonterrosas e Ribeira, no concello coruñés de Touro, onde investiu preto de 3 millóns de euros
Este proceso reorganizou unha superficie de 1000 hectáreas, o que permitiu paliar o minifundismo presente na zona, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Pasouse de 10.314 predios a 1.294 fincas, multiplicando a superficie media das parcelas e mellorando a estrutura territorial das explotacións da zona. Cabe destacar que a meirande parte da superficie concentrada está dedicada a labradío, polo que esta parcelaria permitiu reducir os custos de produción das granxas da zona ao concentrarse a súa base territorial. Desde o ano 2020, a Xunta entregou preto de 23.300 títulos que beneficiaron arredor de 9.800 propietarios, incluíndo a de hoxe. Desde que se comezou coa concentración, actuouse en máis de 1.000 zonas que abranguen unha superficie de máis de 500.000 hectáreas.
O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na entrega de preto de 1.300 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Loxo, Enquerentes, Fonterrosas e Ribeira, no concello coruñés de Touro, aos 680 veciños propietarios. Desta forma, dáse por rematado este proceso, o cal supuxo un investimento por parte da Xunta de preto de 3 millóns de euros.
Esta parcelaria supuxo a reorganización dunha superficie de 1.000 hectáreas, a cal permitiu multiplicar case por oito a superficie media das parcelas resultantes, ao pasar de 10.314 predios iniciais a 1.294 parcelas finais. Desta forma, salientou o conselleiro, conseguiuse mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona. Ademais, salientou que a meirande parte da superficie concentrada está dedicada a labradío, polo que esta parcelaria tamén permitiu reducir os custos de produción das granxas ao concentrarse a súa base territorial.
Neste senso, José González sinalou que a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio. Por iso, estes mecanismos de reordenación son unha aposta clara do Goberno galego e, mostra disto, indicou o conselleiro, foron os preto de 23.300 títulos entregados de 21 concentracións desde o ano 2020 a arredor de 9.800 propietarios, incluídos os da parcelaria de hoxe.
Así mesmo, o titular de Medio Rural reiterou o seu compromiso en seguir traballando na finalización das 94 parcelarias que a día de hoxe están abertas, aclarando que en 58 delas os veciños xa están facendo uso das novas parcelas. Nesta liña, indicou que para este ano 2022 o seu departamento conta cun orzamento de 12 millóns de euros para poder finalizar ditos procesos e seguir declarando novas parcelarias.
De feito, lembrou que o pasado ano foron decretados cinco novos procesos no concello lugués de Outeiro de Rei e outros tres no tamén lucense de Friol, ademais doutro no municipio coruñés de Ordes. Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.
Ademais, José González indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros.