A Xunta remata os peches perimetrais da aldea modelo de Pedrosa, no concello ourensán de Riós

A Xunta remata os peches perimetrais da aldea modelo de Pedrosa
20 Jan 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola alcaldesa de Riós, Eva Barrio, visitou esta mañá a aldea modelo de Pedrosa, situada en dito concello ourensán, na que se acaban de colocar os peches que delimitan o seu perímetro -de cara á próxima posta en marcha da actividade agrogandeira-. Este pechamento ten unha lonxitude de 7,2 quilómetros e unha altura de 1,5 metros, e supuxo un investimento por parte do Goberno autonómico de 135.806 euros.

A aldea modelo de Pedrosa, que está a piques de entrar en funcionamento, conta cunha superficie de 67,45 hectáreas, divididas en 922 parcelas de 164 titulares catastrais. 52,03 hectáreas foron adxudicadas no procedemento de concorrencia pública a unha proposta conxunta dunha gandeira local e os propios veciños da aldea a través do monte veciñal, cuxa orientación produtiva é para gandaría de vacún en extensivo de razas autóctonas e produción de cereais e cultivos de ciclo curto. As 15,45 hectáreas restantes corresponden ao núcleo poboacional que se pretende dinamizar a través deste instrumento.

Cabe sinalar que as aldeas modelo son un instrumento recollido na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, coa que se procura avanzar na recuperación da actividade económica e social dos terreos que se atopan en situación de infrautilización, así como dos núcleos que se inclúen neles. A norma tamén inclúe figuras como os polígonos agroforestais, as permutas de especial interese agrario ou as agrupacións de xestión conxunta.