A Xunta prevé investir 3,8 M€ na nova parcelaria de San Salvador do Castro en Dozón, coa que reestruturará unha superficie de 1.124 hectáreas

A Xunta prevé investir 3,8 M€ na nova parcelaria de San Salvador do Castro en Dozón
05 Mar 2023

 conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Dozón, Adolfo Campos, mantiveron hoxe unha reunión con veciños da parroquia de San Salvador do Castro para presentarlles a nova concentración parcelaria decretada nesta zona. Así, o conselleiro sinalou que este proceso permitirá reorganizar a estrutura territorial de 1.124 hectáreas de superficie con 6.328 parcelas, beneficiando 383 titulares e cun orzamento previsto de 3,8 millóns de euros. Así, este ano investiranse preto de 128.000 euros na redacción das bases deste proceso.

A parcelaria de Dozón forman parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 ata a actualidade. Estas suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Concretamente, na provincia de Pontevedra foron seis as decretadas nos concellos de Caldas de Reis, Lalín (con tres procesos), Valga e esta de Dozón.

Neste senso, José González sinalou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Precisamente, nesta parcelaria veranse beneficiadas desta reorganización territorial 50 explotacións.

Por iso, remarcou o conselleiro, o obxectivo da Xunta é seguir decretando novas zonas de concentración parcelaria onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. Para iso, a Consellería ten orzamentados 17 millóns de euros en 2023 para tal fin. Ademais, este ano impulsarase un Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023.

Así mesmo, o titular de Medio Rural puxo en valor que, entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 25 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. Ademais, matizou, o obxectivo en ambos casos é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- neste primeiro semestre do ano.

 

Lei de recuperación

Ademais, xunto coas parcelarias, engadiu o conselleiro, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Precisamente, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.