A Xunta investiga a titularidade e revisa o parcelario no polígono agroforestal de Solbeira, no concello ourensán de Paderne de Allariz
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural está desenvolvendo a investigación da titularidade e revisión do parcelario no polígono agroforestal de Solbeira, no concello ourensán de Paderne de Allariz, cos traballos de levantamento topográfico.
Os resultados destes labores permitirán actualizar o catastro da zona, así como avanzar no proceso de aprobación e posta en marcha desta iniciativa, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e que abrangue unha superficie 43,36 hectáreas, distribuídas en 317 parcelas de máis de douscentos propietarios. Este é un dos 29 polígonos agroforestais de Galicia, que se atopan en diferentes fases de execución e que supoñen a mobilización de máis de 9.300 hectáreas en toda a nosa comunidade.
Inicialmente os técnicos realizarán labores de levantamento de infraestruturas comúns, límites físicos e elementos naturais para posteriormente analizar cos titulares as posibles discrepancias detectadas entre a cartografía existente e a realidade física das parcelas incluídas dentro do perímetro do polígono.
Para isto, levaranse a cabo reunións informativas cos propietarios cos que non se contactara anteriormente, co fin de recoller os seus datos e a documentación acreditativa da titularidade das parcelas nas que existan discrepancias entre a información existente e a situación real dos predios.
Reunións informativas
As reunións informativas serán convocadas nos próximos días, mediante Bando do Concello. Nel identificaranse as datas e lugar de atención aos veciños interesados que teñan dúbidas sobre os datos notificados previamente.
Como resultado dos traballos, deberán obterse todos os datos relativos a quen posúe a parcela en concepto de dono, ás súas cargas e gravames e demais situacións xurídicas que eventualmente poidan afectarlles no referente á propiedade, posesión ou aproveitamento.
Cando non se poida determinar a identidade das persoas titulares dos predios afectados, cando se ignore o lugar de notificación ou cando, intentada esta, non se poida practicar a notificación, iniciarase o procedemento regulado no artigo 19 da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
O procedemento da investigación da titularidade é unha das novidades desta norma, na que se regulou un procedemento que atribúe por primeira vez á Xunta a facultade para investigar a situación de parcelas existentes en solo rústico ou en solo de núcleo rural das que non se teña certeza sobre a súa titularidade. Así, na procura da maior seguridade e rigor nos traballos, empézase a realizar este labor naqueles lugares nos que existen instrumentos de recuperación da terra en desenvolvemento -caso deste polígono agroforestal-.