A Xunta informa aos veciños interesados do inicio dos traballos da parcelaria de Riomol, coa que se mobilizarán 494 hectáreas no concello de Castroverde

parcelaria de Riomol
09 Apr 2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada do alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, reuniuse hoxe cos veciños interesados na parcelaria de Riomol, situada neste concello lucense e que abrangue unha superficie de 494 hectáreas, distribuídas en 1.192 parcelas propiedade de 143 titulares.

A directora xeral informou aos asistentes á xuntanza, celebrada no colexio de Riomol, da contratación dos traballos de obtención dos planos parcelarios, así como da preparación das bases e do plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, correspondentes a este proceso. O orzamento previsto para estes labores sitúase nos 50.000 euros.

Así, a definición do parcelario suporá a correcta concreción cartográfica da totalidade das parcelas, a rede hidrográfica, as construcións, a rede viaria e os elementos topográficos singulares, así como a delimitación do perímetro definitivo da zona de reestruturación.

En canto á investigación da propiedade, consiste na recollida dos datos persoais dos propietarios, así como na recompilación da documentación acreditativa do dominio das parcelas a favor de quen as posúa en concepto de donos e a das súas posibles cargas ou gravames.

 

Posta en valor do territorio

O obxectivo de todos estes traballos é o de poñer en valor o territorio. Así, a través dos diferentes mecanismos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as reestruturacións parcelarias, a Xunta leva xa mobilizadas en total 35.000 hectáreas en toda a comunidade nos últimos catro anos.

Neste contexto, dende o ano 2020 a Xunta rematou un total de 32 concentracións parcelarias e decretou outras 29. As rematadas abarcaron unha superficie total de máis de 21.753 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.318 propietarios que recibiron case 36.690 títulos de propiedade. Co fin de manter o seu compromiso coas reestruturacións parcelarias, o Goberno galego destina este ano 24 millóns de euros -un 41% máis que o ano anterior- para seguir avanzando nestes procesos, que son fundamentais para organizar o territorio e poñelo en valor.