A Xunta estuda a implantación dun novo polígono agroforestal no concello lucense do Saviñao

A Xunta estuda a implantación dun novo polígono agroforestal no Saviñao
09 Sep 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión cos veciños do Saviñao para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na parroquia de Xesto.

Segundo explicou José González, o polígono abranguería unha superficie de preto de 100 hectáreas, distribuídas en 143 parcelas duns 33 propietarios, e proponse dedicar a gandaría en extensivo ou cultivos anuais, fundamentalmente forraxeiros.

Este futuro polígono sumaríase aos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños.

O conselleiro do Medio Rural lembrou que esta é unha das figuras de mobilización da terra agraria, mediante a cal se recuperan grandes áreas de terra potenciando os tres usos de chan -agrícola, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona.

Así, trátase dunha ferramenta idónea para recuperar a terra de boa capacidade produtiva  abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.