A Xunta e o Concello do Saviñao estudarán a posibilidade de implementar un polígono agroforestal para gandaría

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto, para coñecer as principais demandas e necesidades dos veciños deste municipio lugués relativas ao agro. De feito, abordouse a posibilidade de implementar un polígono agroforestal para gandaría nos arredores da aldea de Xesto.
Neste senso, o conselleiro acordou enviar técnicos da Axencia para estudar a viabilidade deste polígono e poder comezar cos traballos o antes posible. Nesa liña, lembrou que o seu departamento destina para o ano 2023 un total de 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11% máis ca en 2022. Deste montante, explicou, uns 4,4 millóns serán para actuacións en polígonos agroforestais e aldeas modelo.
Noutra orde de cousas, tamén se tratou a necesidade de arranxar diversos viarios. Así, avanzouse que no Plan de Infraestruturas Rurais de 2023 consignarase unha axuda para arranxar a estrada do cruce de Tribás a Ousende, cunha dotación de 120.000 euros.
Así mesmo, ambos dirixentes abordaron a posibilidade de apoiar os montes veciñais da localidade e a de reforzar a colaboración para a loita contra os incendios. Por último, tendo en conta a dispersión dos núcleos de poboación deste concello, o conselleiro acordou garantir a presenza da Oficina Agraria Móbil para mellorar as prestacións de servizos no municipio.