A Xunta e o Concello de San Amaro estudan a implantación dun polígono agroforestal de preto de 30 hectáreas

A Xunta e o Concello de San Amaro estudan a implantación dun polígono agroforestal de preto de 30 hectáreas
30 Apr 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo hoxe unha reunión con veciños deste concello ourensán, para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona, cunha superficie de 28,03 hectáreas distribuídas en 422 parcelas propiedade de 146 titulares.

Durante a reunión, o conselleiro lembroulles aos asistentes que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. En Galicia hai 21 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021-, mobilizando case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.249 veciños. Deses 21 polígonos, 15 atópanse na provincia de Ourense.

Xunto a estes polígonos agroforestais, o conselleiro sinalou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, 14 delas na provincia de Ourense. Con esta ferramenta búscase recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios.

O conselleiro aproveitou a ocasión para mencionar as permutas de especial interese agraria. Deste xeito, foméntase o uso voluntario das permutas para acadar unha maior ordenación de usos no rural galego, especialmente onde así o requiran as explotacións xa existentes para dotarse dunha maior base territorial.

Nesta liña, cabe apuntar que mediante a Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego.