A Xunta e o concello de Coristanco valoran a posibilidade de implantar un polígono agroforestal de preto de 85 hectáreas que beneficiará tamén a Carballo

A Xunta e o concello de Coristanco valoran a posibilidade de implantar un polígono agroforestal de preto de 85 hectáreas
25 Aug 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada do alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, e polo rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo hoxe unha reunión con veciños deste concello coruñés para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En particular, a directora xeral explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona -en concreto, na parroquia de Erbecedo-, cunha superficie de 84,73 hectáreas distribuídas en 407 parcelas propiedade de 261 titulares. A iniciativa abranguerá tamén o veciño concello de Carballo, no que se situarán aproximadamente unhas 20 hectáreas.

Neste encontro, Inés Santé lembroulles aos veciños que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea, non só para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, senón tamén para mellorar a estrutura da propiedade facilitando así a actividade agrogandeira e incrementando a súa rendibilidade. De feito, en Galicia hai 24 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai xa dous anos-, mobilizando máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de máis de 7.900 veciños. Na provincia da Coruña localízase polo de agora unicamente o polígono do concello de Curtis, sendo o de maior dimensión de Galicia, con 3.386 hectáreas.

 

Aldeas modelo

Xunto con estes polígonos agroforestais, Inés Santé salientou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, unha delas na provincia da Coruña: a de Ferreiros, no concello de Ames. Con esta ferramenta, indicou a directora xeral, búscase recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios.

A maiores, Santé tamén fixo fincapé nas permutas de especial interese agrario, que no concello lugués de Friol conseguiron mobilizar 400 hectáreas de superficie. Así, salientou, cabe apuntar que mediante a Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego, con figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.