A Xunta deu a coñecer en Madrid as vantaxes que brinda a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

A Xunta deu a coñecer en Madrid as vantaxes que brinda a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
26 Mar 2023

O subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Alfredo Fernández, participou esta semana na primeira reunión do Grupo de Trabajo sobre la Movilización de Tierras Agrarias Infrautilizadas, integrado pola Administración central e as autonómicas. Durante o encontro, o subdirector explicou aos presentes a nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e todas as melloras que supuxo grazas aos instrumentos que contempla, deseñados tanto para a ordenación e planificación do territorio como para a mobilización e recuperación de terras.

Así, deu a coñecer, en concreto, os procedementos e situacións dos traballos das aldeas modelo e polígonos agroforestais, que en menos de dous anos están a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas a través de 21 polígonos agroforestais e outras tantas aldeas modelo en Galicia, ademais de mediante permutas. Así mesmo, presentou as funcións, tarefas e a situación do Banco de Terras, facendo fincapé no seu emprego como elemento de mobilización e recuperación de parcelas agrarias en abandono ou infrautilizadas.

Deste xeito, a reunión serviu para intercambiar e reflexionar sobre os traballos desenvolvidos polas distintas administracións implicadas para facilitar a utilización e mobilización de terras agrarias, ademais de analizar experiencias xa implementadas e novas posibilidades que poidan impulsar a óptima xestión dos predios. Tamén, obtívose unha radiografía completa do estado da xestión das terras agrarias infrautilizadas en España, co fin de propor aqueles puntos que precisan un diagnóstico máis detallado e posibles solucións coordinadas, que poderán ser abordadas en profundidade en reunións futuras do Grupo.