A Xunta destaca en Riós o potencial das axudas a proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola alcaldesa de Riós, Eva María Barrio, visitou esta mañá as obras levadas a cabo na praza do núcleo rural da aldea modelo de Pedrosa, neste municipio ourensán, ao abeiro da convocatoria de axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais. Alí, lembrou que a convocatoria deste ano 2023 -dotada con algo máis de dous millóns de euros- permanece aberta ata o vindeiro 2 de marzo para todos aqueles interesados.
Neste senso, José González sinalou que a través desta liña de subvencións búscase un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego. Desta forma, engadiu, a Xunta aposta pola recuperación e posta en valor das terras que rodean as aldeas modelo, á vez que se acondicionan os seus núcleos e se mellora así a calidade de vida dos seus habitantes.
No caso concreto de Pedrosa, o concello de Riós foi beneficiario dunha achega de 50.000 euros -correspondente á convocatoria de 2022- para acondicionar a praza do núcleo desta aldea modelo, cuxa superficie arredor do núcleo é de algo máis de 52 hectáreas, dividida en 922 parcelas de 164 propietarios.
Así, algunhas das actuacións subvencionables ao abeiro desta liña de axudas son a instalación, ampliación ou mellora de infraestruturas (alumeado, enerxía renovable) e equipamentos; a rehabilitación de espazos públicos e elementos patrimoniais; as obras de construción ou rehabilitación de edificacións de servizo público; a mellora de servizos asistenciais e culturais, así como a dixitalización de núcleos rurais e a implantación de e-servizos mediante tecnoloxías da información e a comunicación.
Aldeas modelo e polígonos agroforestais
Nesta liña, o conselleiro puxo en valor a figura das aldeas modelo que se impulsa na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, a través deste instrumento, conséguese recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.
De feito, destacou José González, a día de hoxe están declaradas en Galicia un total de 21 aldeas modelo, que están a mobilizar 574 hectáreas de superficie. No tocante á provincia de Ourense, son 14 aldeas modelo as aprobadas -incluído a de Pedrosa-, xunto coa de Infesta -en Monterrei- e a de Carzoá -en Cualedro-, que tamén se atopan nesta mesma comarca.
A estas cifras, súmanse as hectáreas que se están a mobilizar nos 21 polígonos agroforestais -15 na provincia de Ourense- e nas permutas realizadas no concello de Friol. Desta forma, desde que se puxo en vigor a Lei de recuperación estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de terra que estaba abandonada ou infrautilizada, tamén mediante a figura das permutas.
Precisamente, no municipio de Riós está o polígono de Pousada (93,89 ha) -que ten actualmente en exposición pública o seu parcelario, para que poida ser consultado polos veciños implicados, mesma situación na que se atopa o de Monterrei (22,44 ha)-. Tamén están os polígonos de Cualedro (64 ha) e Oímbra (21,76 ha), todos pertencentes á mesma comarca de Verín.