A Xunta define os plans de dinamización das aldeas modelo coma “unha referencia sólida” para impulsar un deseño xeral de rexeneración dos núcleos rurais
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, resaltou hoxe o traballo feito pola Xunta a prol da mobilización de terras para recuperalas do seu abandono, favorecendo ademais a innovación no territorio con fitos como aldeas modelo coma a de Muimenta, en Carballeda de Avia, na que se desenvolverá o primeiro espazo agrario de experimentación. Así o trasladou na clausura do acto de presentación dos proxectos realizados por alumnos da Universidade de Navarra (UNAV) nesta aldea modelo ourensá, en colaboración coa Fundación RIA.
No acto, celebrado na Casa do Concello deste municipio ourensán, González estivo acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; o alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia; o director da Fundación RIA, Manuel Rodríguez; e o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade de Navarra, Carlos Naya; ademais de alcaldes da comarca do Ribeiro ou rexedores de localidades con figuras activas da Lei de recuperación da terra agraria a través dalgunha das súas figuras, como é O Incio e Sober.
Os traballos presentados hoxe foron elaborados por alumnos de 5º curso da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade de Navarra, e quedan enmarcados no plan de dinamización da aldea modelo de Muimenta, deseñado pola xa mencionada fundación -creada polo arquitecto David Chipperfield-, e nos que se coordinan actuacións públicas e privadas destinadas á dinamización e rexeneración do núcleo urbano das aldeas.
En concreto, os estudantes desenvolveron estes proxectos dentro do programa académico do primeiro semestre deste curso 2023-24, liderado polos profesores Fermín Vázquez e José Ángel Medina, atendendo aos retos e problemáticas do rural, centrado na implementación dun programa funcional na aldea modelo de Muimenta para o impulsar a súa reactivación económica e social. Os traballos, ademais, están expostos na Casa do Concello de Carballeda de Avia para aquelas persoas que os queiran coñecer.
Sobre os plans de dinamización das aldeas modelo, lembrou o conselleiro en funcións, o ano pasado iniciouse a tramitación dos convenios co fin de elaborar e entregar neste 2024 os primeiros catro proxectos -ademais do de Muimenta, os referidos ás aldeas modelo de Osmo (Cenlle), O Penedo (Boborás) e Trascastro (no Incio)- e que serán unha “referencia sólida” para confeccionar un modelo xeral contrastado previamente.
Nesta liña, recalcou a importancia da colaboración entre institucións, especialmente cos concellos cos que se colabora para a posta en marcha de aldeas modelo e proxectos que permitan dinamizar o rural. Por iso, José González insistiu en demandar apoio ao Goberno central dentro de impulso á iniciativas vencelladas ao rural como a proxectos da Lei de recuperación e aos propios plans de dinamización das aldeas modelo.
Requisitos necesarios e básicos
Neste sentido, o conselleiro do Medio Rural en función apuntou os catro requisitos básicos e necesarios para desenvolver os núcleos rurais, neste caso a través das aldeas modelo. Nesta liña explicou que se debe poñer en práctica a actividade económica, a rehabilitación integral das aldeas seguindo criterios de arquitectura tradicional, a planificación preventiva reducindo ao máximo o risco de incendios forestais e a aposta polas “aldeas intelixentes”, con garantía de conectividade dixital e autosuficiencia enerxética.
Sobre esta cuestión, lembrou que hai menos dun mes, a Xunta licitou a contratación dunha solución innovadora integral para a xestión de comunidade enerxéticas nas aldeas modelo, enmarcado dentro do proxecto de Compra Pública de Innovación de “Aldeas Intelixentes”, e co que agora se pretende captar 5 millóns de euros de fondos comunitarios para avanzar no desenvolvemento de solucións innovadoras que potencien a xestión dos servizos públicos e a actividade agrogandeira no rural galego.
Espazos Agrarios de Experimentación
Na clausura, o titular de Medio Rural en funcións puxo en valor que na aldea modelo de Muimenta porase en marcha este ano o primeiro Espazo Agrario de Experimentación. González explicou que a instalación proxectada está destinada á formación hortícola, a través de tres parcelas de traballo nas que se situará un invernadoiro de ata 600 metros cadrados en cada unha delas, cun sistema de regadío e cinco hortas de 400 a 500 metros cadrados na súa contorna.
O obxectivo destes espazos, que están sendo elaborados en colaboración con expertos do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, é facilitar que as persoas emprendedoras poidan probar o seu negocio nunha contorna favorable, con terra e instalacións necesarias para o desenvolvemento dunha actividade. No caso de Muimenta, 15 hectáreas están dedicadas a agricultura ecolóxica, especialmente a cultivos de horta.
Nesta liña, o conselleiro do Medio Rural en funcións destacou a Lei de recuperación de terra agraria de Galicia, que idea solucións para poñer en valor esa terra e facela produtiva, a través de ferramentas como as propias aldeas modelo e os polígonos agroforestais, ademais das permutas de especial interese agrario ou as agrupacións forestais de xestión conxunta. Con esta lei, foron mobilizadas dende 2021 unhas 10.000 hectáreas -o 58%, en Ourense-, ascendendo ata as 35.000 hectáreas contando coas parcelarias.
José González finalizou a súa intervención destacando que os instrumentos de recuperación non só permiten mobilizar terra, senón que tamén favorecen a motivación da actividade económica rendible, fomentan o relevo xeracional e a fixación de poboación, ao mesmo tempo que combaten o abandono.