A Xunta declara o primeiro espazo agrario de experimentación na aldea modelo de Muimenta de Carballeda de Avia

Imaxe da nova
24 Aug 2022

A Xunta acaba de declarar o primeiro espazo agrario de experimentación na aldea modelo de Muimenta, no concello ourensán de Carballeda de Avia. Trátase dunha figura nova creada pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que busca facilitar que persoas mozas ou emprendedoras poidan probar o seu negocio nunha contorna favorable, tendo á súa disposición terras de aldeas modelo, así como as instalación necesarias para o desenvolvemento da correspondente actividade agraria.

 

O espazo agrario de experimentación de Muimenta estará destinado á agricultura ecolóxica, especialmente a cultivos de horta. Neste caso, só se dedicarán ao espazo 15 hectáreas das 29,14 ha totais da aldea, correspondentes a terras dedicadas tradicionalmente a horta e localizadas nas zonas máis próximas ás edificacións. Para o resto da superficie, consistente en dúas áreas con masas de árbores autóctonas situadas nas partes máis afastadas dos inmobles, abrirase un novo procedemento de concorrencia competitiva para seleccionar propostas de aproveitamento destinadas a gandaría en extensivo.

 

Cómpre destacar que o obxecto destes espazos agrarios de experimentación é impulsar iniciativas innovadoras con técnicas de produción sustentables, que fomenten a economía circular ou as cadeas curtas de comercialización. Nesa liña, os emprendedores beneficiados por estes espazos recibirán formación e asesoramento a través de diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

 

Por último, cabe recordar que a aldea modelo de Muimenta conta cunha superficie de 29,14 hectáreas, distribuídas en 1.639 parcelas de 242 propietarios. Proximamente publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), para a súa exposición pública, unha nova guía de ordenación produtiva da aldea, que incluirá o espazo agrario de experimentación que se vén de declarar e novos usos.