A Xunta declara de utilidade pública e de interese social os polígonos agroforestais de Bóveda, Montederramo e Larouco

A Xunta declara de utilidade pública e de interese social os polígonos agroforestais de Bóveda, Montederramo e Larouco
09 May 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe tres decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública e de interese social os polígonos agroforestais de Ver (Bóveda), A Graña de Seoane (Montederramo) e Freixido (Larouco) para poñer en valor unha superficie total de case 300 hectáreas. Elévase así a 11 o número de polígonos de iniciativa pública declarados na nosa comunidade ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Neste senso, cabe sinalar que o pasado mes de abril saíran publicados no DOG os acordos polos que se iniciaban os procedementos de aprobación para o desenvolvemento destes tres polígonos agroforestais e logo foi declarada a utilidade pública e interese social por parte do Consello da Xunta. Unha vez publicada esta declaración, iniciarase a redacción do estudo de viabilidade e o proxecto básico de cada un dos polígonos. Para iso, un dos primeiros pasos será a investigación da titularidade das fincas e, posteriormente, os traballos de reestruturación da propiedade nas distintas áreas, de seren necesarios.

Cabe sinalar que neste caso, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, os procedementos serán sometidos a un proceso de concorrencia competitiva. Ademais, cómpre ter en conta que a declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia dos procedementos. Desta forma, poderase avanzar no obxectivo prioritario de poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal.

Así, no caso concreto do polígono de Freixido (Larouco), recuperarase unha superficie de 136 hectáreas distribuídas nunhas 1.228 parcelas de 521 propietarios e prevense como usos ou actividades principais os cultivos leñosos como a vide, a cerdeira ou o castiñeiro. Canto ao da Graña de Seoane (Montederramo), apóstase pola gandaría en extensivo (pasteiros) e os cultivos forraxeiros/herbáceos nunha superficie de 98,7 ha, repartidas nuns 108 predios de 67 titulares catastrais. Por último, no que respecta ao polígono agroforestal de Ver (Bóveda), orientarase tamén á gandaría en extensivo (pastos) e a cultivos forraxeiros/herbáceos nunha extensión de 51,97 hectáreas, cunhas 292 parcelas e 200 propietarios.

Cabe engadir que as causas polas que procede desenvolver estes tres polígonos son a existencia dun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, así como o acordo das persoas propietarias dos predios, acadando ata un 70% da superficie das terras incluídas no perímetro proposto.

 

21 polígonos

A día de hoxe, existen 21 polígonos de iniciativa pública en distintas fases de execución, 13 xa iniciados e oito en fase de actuacións previas. En total, todos eles roldan as 8.900 hectáreas, con máis de 26.000 parcelas involucradas e máis de 7.000 propietarios implicados.

Entre os iniciados, a maiores dos tres que foron hoxe a Consello están Oímbra (Oímbra), Cualedro (Cualedro) -estes dous xa se atopan na fase de redacción do proxecto básico-, Barzamedelle (Leiro), Mandelos (Crecente), Pousada (Riós), Vilalén-Tomonde (Cerdedo-Cotobade), Vences (Monterrei), Solbeira (Padene de Allariz), Curtis (Curtis) e Remuíño (Arnoia).

Ademais, hai outros oito polígonos de iniciativa pública en los que se ten iniciado un procedemento de actuacións previas. Se trata de los de Barcia (Navia de Suarna), Prado (Castrelo de Miño), Panascos (Tomiño), Alta Limia, Corno do Monte e Lamas Ganade (todos eles en Xinzo de Limia), San Salvador de Sabucedo (Porqueira) e Soutopenedo (San Cibrao das Viñas).

 

Enlace no DOG ao decreto do polígono de Freixido (Larouco):
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230509/AnuncioG0426-020523-…

Enlace no DOG ao decreto do polígono da Graña de Seoane (Montederramo):
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230509/AnuncioG0426-020523-…

Enlace no DOG ao decreto do polígono de Ver (Bóveda):
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230509/AnuncioG0426-020523-…