A Xunta dá luz verde ao inicio de tres novos polígonos agroforestais na provincia de Lugo, para poñer en valor un total de 157,85 hectáreas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os anuncios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polos que se aproban os acordos de inicio de tres polígonos agroforestais na provincia de Lugo, que permitirán a posta en valor de preto de 158 hectáreas no seu conxunto, o que implica 361 parcelas de 149 propietarios. Trátase dos polígonos de Sabadelle, no municipio de Chantada; de Loio, na localidade de Paradela; e de Xesto, no concello do Saviñao.
Estes polígonos teñen por obxecto pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal. O obxecto dos polígonos agroforestais pode ser a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores.
Datos dos tres polígonos
No relativo ao polígono de Sabadelle, no concello de Chantada -que suporá a mobilización de 38,68 hectáreas de terreo, distribuídas en 114 parcelas de 80 propietarios-, a zona na que se atopa está delimitada na área de actuación de varias Indicacións Xeográficas Protexidas, formando parte da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ademais, existe gran demanda de terreos na zona de actuación para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes, ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculadas á gandaría en extensivo.
Por outra banda, o polígono de Loio, no municipio de Paradela; abrangue unha superficie de 23,23 hectáreas, repartidas en 104 parcelas de 36 titulares catastrais. Ademais, atópase na área de actuación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ao igual que no caso de Sabadelle, en Loio existe unha gran demanda de terreos para iniciativas relacionadas á produción vitivinícola, gandaría extensiva e aproveitamento forestal.
Por último, o de Xesto atópase na localidade do Saviñao, e conta con 95,94 hectáreas de superficie, divididas en 143 parcelas de 33 propietarios. Atópase na área de actuación de varias Indicacións Xeográficas Protexidas, como é a IXP Castaña de Galicia. Existe tamén unha gran demanda de terreos vinculados a gandaría en extensivo.
Con estes son xa 29 os polígonos agroforestais actualmente en marcha (en diferentes fases de execución) na nosa comunidade, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que supoñen a posta en valor de 9.300 hectáreas distribuídas en 30.120 parcelas propiedade de 8.420 veciños.
Ligazóns aos anuncios no DOG:
Polígono de Sabadelle:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240112/AnuncioO90-261223-00…
Polígono de Loio:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240112/AnuncioO90-261223-00…
Polígono de Xesto:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240112/AnuncioO90-261223-00…