A Xunta confirma o seu impulso ao viñedo do Ribeiro co inicio do procedemento de aprobación do polígono agroforestal de Castrelo de Miño

Aprobación do polígono agroforestal de Castrelo de Miño
16 May 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polo que se inicia o procedemento de aprobación do polígono agroforestal de iniciativa pública de Prado de Miño, no concello ourensán de Castrelo de Miño.

Este polígono, que se levará a cabo consonte ao establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, suporá a mobilización de 160 hectáreas de 372 propietarios, distribuídas nun total de 1.685 parcelas e orientadas preferentemente a viñedo para a denominación de orixe (DO) Ribeiro. O prazo para elaborar o estudo de viabilidade será de 12 meses, prorrogables, tal e como sinala o acordo publicado hoxe.

Con esta iniciativa, continúase co forte impulso por parte da Xunta á plantación de viñedos na DO Ribeiro. Así, este polígono de Prado, xunto cos de Leiro-Barzamedelle e de A Arnoia-Remuíño, na mesma comarca, suporán en conxunto a mobilización de máis de 500 hectáreas agrícolas e forestais, que estarán dedicadas preferentemente a viñedo en zonas históricas desta bisbarra ourensá, atendendo así unha demanda do sector para garantir o futuro desta área de produción vitivinícola.

 

Leiro e A Arnoia

No caso concreto de Leiro, estase avanzando coa roza e posta a punto dos terreos, que abranguen unha superficie de 145,6 hectáreas, correspondentes a 183 parcelas de 113 propietarios. No polígono da Arnoia trabállase na elaboración do estudo de viabilidade, para unha superficie de 224 hectáreas de 780 propietarios, cun total de 6.753 parcelas.

Actualmente, no conxunto de Galicia hai un total de 21 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai case dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.000 parcelas propiedade duns 7.500 veciños.