A Xunta avanza nos traballos de roza e posta a punto dos novos polígonos agroforestais de Vences, no concello de Monterrei, e de Pousada, en Riós
O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, supervisou esta mañá os traballos de roza e posta a punto do novo polígono agroforestal de Vences, no concello de Monterrei. A continuación manterá unha reunión cos veciños de Riós implicados no polígono agroforestal de Pousada xunto coa alcaldesa da localidade, Eva María Barrio, para posteriormente comprobar tamén os traballos de posta a punto deste polígono.
Así, cabe lembrar que o polígono de Vences permitirá mobilizar 22,44 hectáreas de superficie, divididas en 535 parcelas propiedade de 331 veciños e será empregado para cultivos leñosos como o viñedo. No caso do polígono de Pousada, que contará con 94 hectáreas repartidas en 663 parcelas en propiedade de 200 titulares, destinarase a plantación de castiñeiros. Esta mobilización de terreos fíxose co consentimento dos propietarios, aínda que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado.
Así, cabe sinalar que estes polígonos forman parte dos 21 polígonos agroforestais en distintas fases de actuación existentes na nosa Comunidade. Estes suporán a mobilización de case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.250 veciños. Deses 21 polígonos, 15 atópanse na provincia de Ourense. Dentro destes, nos polígonos de Cualedro e Oímbra xa se remataron os traballos de roza e estase actualmente coa investigación da titularidade das parcelas. Mentres, avánzase na posta a punto nos polígonos de Barzamedelle (Leiro) e Solbeira (Paderne de Allariz).
Ademais, xunto a estes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, 14 delas na provincia de Ourense. Precisamente, os concellos de Monterrei e Riós tamén contan con dúas aldeas modelo. A de Pedrosa, en Riós, que mobiliza 52,03 hectáreas arredor do núcleo de poboación, divididas en 922 parcelas propiedade de 164 veciños, xa está adxudicada e con obras a piques de comezar. Mentres, a de Infesta, en Monterrei, conta con 36,65 hectáreas de superficie arredor do núcleo de poboación, repartidas en 930 parcelas de 232 propietarios, e está pendente de saír á concorrencia.
Polo tanto, desde que entrou en vigor a Lei de recuperación -en maio de 2021-, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas de interese agrario.