A Xunta aposta pola dixitalización do rural galego a través de solucións sustentables como as que aporta a iniciativa das aldeas intelixentes

A Xunta aposta pola dixitalización do rural galego a través de solucións sustentables como as que aporta a iniciativa das aldeas intelixentes
11 Oct 2022

A Xunta aposta decididamente pola dixitalización do rural galego a través de solucións sustentables como as que se propoñen na iniciativa de aldeas intelixentes que promove a Consellería do Medio Rural. Así o reafirmou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, no acto de presentación da tecnoloxía XGSPON 10 GB, para prover o rural de fibra óptica, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e que tivo lugar na adega Castrofiz de Chantada.

Neste evento, Inés Santé lembrou -como fixo hai uns días o propio conselleiro, José González- que o obxectivo da Xunta é consolidar a primeira rede de aldeas modelo na que se potencien os grandes valores das áreas rurais, coa finalidade de impulsar a súa recuperación integral e de conseguir un territorio rural galego resiliente.

Para iso, salientou a directora xeral, o aproveitamento das TIC é esencial e enmárcase no establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Esta norma, sinalou, propiciou a creación de figuras como as aldeas modelo, entre outras ferramentas de mobilización da terra, todas elas enfocadas á loita contra o abandono e a favor da dinamización social, económica e ambiental dos espazos rurais da nosa comunidade.

Cambio climático

Agora, engadiu Inés Santé, a Xunta dá un paso máis para afrontar grandes retos, como son a garantía de digna continuidade do sector primario, a demografía ou o cambio climático, potenciando para iso a dixitalización das aldeas. Isto, engadiu, a través de catro liñas principais: o desenvolvemento de servizos rurais; a aplicación de solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas, apostando pola dixitalización e pola mellora progresiva das infraestruturas dixitais; o impulso definitivo á sustentabilidade e á economía circular da produción agraria e a propia mellora do núcleo rural das aldeas modelo, conquistando máis formación, innovación e máis cultura empresarial.

Aldeas rehabilitadas

De feito, insistiu Santé, as aldeas modelo pasarán a estar completamente rehabilitadas a través da posta en marcha dun Plan de dinamización do núcleo urbano, cun Plan integrado de dinamización turística. Neste senso, destacou tamén que xa está previsto comezar os proxectos piloto dos Plans de dinamización de catro aldeas modelo galegas. Ademais, no vindeiro ano 2023 convocarase unha liña de axudas precisamente para incentivar o desenvolvemento destes plans, regulados na Lei de recuperación. Esta rehabilitación cumprirá estritamente, e sempre que sexa posible, os criterios de arquitectura tradicional, sendo utilizados oportunamente materiais de orixe galega como a madeira.

Por último, a directora xeral puxo en valor que esta iniciativa das aldeas intelixentes vén de ser recoñecida polos enxeñeiros de telecomunicacións de Galicia polo seu interese a prol da dixitalización e a sustentabilidade do rural. Así, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural recibiu recentemente o premio Vantage Towers ao mellor proxecto TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para a sustentabilidade e coidado da terra 2022. Este galardón, instituído polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia en colaboración coa empresa Vantage Towers, foi concedido por unanimidade do xurado á devandita axencia por este proxecto.