A Xunta anuncia hoxe a convocatoria para o aproveitamento da aldea modelo de Infesta en Ourense
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se anuncia a convocatoria de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo de Infesta no concello ourensán de Monterrei. Esta aldea conta cunha superficie de 36,65 hectáreas, repartidas en 930 parcelas de 232 titulares.
A partir de mañá -día seguinte da súa publicación no DOG- poderán presentarse as propostas para o desenvolvemento de actividade agraria nos terreos da aldea modelo de Infesta. Deste xeito, o prazo será de 15 días e abranguerá dende o 19 de agosto ata o 4 de setembro. Poderán presentar solicitudes coas propostas para o aproveitamento das parcelas incorporadas a aldea modelo as persoas físicas ou xurídicas, as administracións públicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas.
Segundo se recolle na guía de ordenación produtiva, a actividade principal serán os cultivos leñosos -como o viñedo, a oliveira ou as árbores froiteiras- e cultivos agrícolas de ciclo curto e complementarios. Mentres tanto, plantéxase como actividade secundaria a gandaría en extensivo combinada con estes cultivos.
Así, as solicitudes presentadas valoraranse e seleccionaranse a través dun sistema de puntos, no que se terán en conta criterios como a súa superficie, a complementariedade con outros proxectos de aldea modelo, a creación de explotacións que incorporen a persoas mozas ou a proximidade entre o proxecto e os núcleos de poboación.
Ligazón á publicación no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230818/AnuncioO90-080823-0001_gl.html