A Xunta anima en Mondariz a apostar polos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria que están a poñer en valor máis de 250 hectáreas na provincia de Pontevedra

A Xunta anima en Mondariz a apostar polos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria
12 Nov 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe nas III Xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural organizadas polo Concello de Mondariz, onde animou aos consistorios e propietarios da provincia de Pontevedra a apostar polas ferramentas de posta en valor que recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. En máis dun ano en vigor, a norma está a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda a comunidade, segundo recordou, beneficiando máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.

No caso de Pontevedra, estanse a poñer en valor máis de 250 hectáreas mediante catro iniciativas ás que se podería sumar unha quinta. Así, están en marcha os polígonos agroforestais de Vilalén-Tomonde en Cerdedo-Cotobade (67,88 ha), Mandelos en Crecente (45,04 ha) e Panascos en Tomiño (122 ha), os dous primeiros en fase de acordo de inicio e o terceiro en actuacións previas. Pola súa banda, a aldea modelo de Mouteira-Parada, que abrangue 17,99 hectáreas en Cerdedo-Cotobade, está aprobada e acaba de iniciarse a exposición pública do proxecto de ordenación produtiva, mentres se atopa en fase de recollida sinaturas a da Porteliña, nas Neves, para poñer en valor preto de 35 ha.

A directora xeral recordou que os polígonos agroforestais teñen como principal obxectivo a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización. Coas aldeas modelo, mentres, búscase recuperar de xeito sustentable terra abandonada arredor dos núcleos de poboación, creando actividade agrogandeira e, ao tempo, anticipándose aos incendios.

Por último, Inés Santé referiuse tamén ás agrupacións de xestión conxunta, que teñen por finalidade a xestión conxunta e sustentable dos terreos agroforestais. Neste caso, segundo dixo, poden solicitar o seu recoñecemento como tales diferentes entidades, sociedades ou cooperativas.