O DOG publica hoxe a declaración de utilidade pública e interese social de tres novos polígonos agroforestais

tres novos polígonos agroforestais
19 Apr 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os decretos polos cales se declaran de utilidade pública e interese social tres polígonos agroforestais nos concellos ourensáns de San Xoán de Río e Os Blancos, xunto con outro localizado entre as provincias de Ourense e Lugo, concretamente nas localidades da Peroxa e Carballedo. No que vai deste ano, xa son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia para mobilizar 9.476 hectáreas.

No seu conxunto, estes tres novos polígonos mobilizarán un total de 152,57 hectáreas, repartidas en 745 parcelas de 350 propietarios. Así, o polígono de Cambela, no concello de San Xoán de Río, beneficiará 135 titulares de 301 parcelas, cunha superficie total de 97,36 ha; o dos Blancos, no municipio homónimo, permitirá mobilizar 29,73 ha, distribuídas en 249 parcelas de 122 propietarios; e por último, o polígono que abrangue terreos dos concellos da Peroxa, na provincia ourensá, e de Carballedo, na de Lugo, beneficiará 93 propietarios de 195 parcelas e terá unha superficie de 25,48 hectáreas.

Contando con estes tres novos polígono agroforestais, en Galicia hai 33 iniciativas de mobilización de terras deste tipo en diferentes fases de execución, que supoñen a posta en valor de 9.476 hectáreas, distribuídas en 31.102 parcelas propiedade de 8.918 veciños.

 

Dinamización do territorio a través da gandaría en extensivo.

Estes tres novos polígonos terán como actividade principal a gandaría en extensivo, dentro da aposta do Goberno autonómico por prever incendios forestais a través da xestión e a dinamización socioeconómica do territorio.

O compromiso da Xunta coa potenciación do carácter central da gandaría en extensivo como custodio do territorio tradúcese en diferentes accións estratéxicas que potenciaranse nos vindeiros meses con dúas iniciativas para xestionar a biomasa a través de axudas específicas para o silvopastoreo e un piloto de manexo de gando propio.

 

Ligazón no DOG ao decreto do polígono no concello de San Xoán de Río:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240419/AnuncioG0426-110424-…

Ligazón no DOG ao decreto do polígono no concello dos Blancos:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240419/AnuncioG0426-110424-…

Ligazón no DOG ao decreto do polígono nos concellos da Peroxa e Carballedo:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240419/AnuncioG0426-110424-…