O DOG publica hoxe a declaración de utilidade pública das aldeas modelo do Seixo na Gudiña, Carzoá en Cualedro, Covelo en Taboadela, Francos de Proendos en Sober e Mouteira-Parada en Cerdedo-Cotobade

Declaración de utilidade pública das aldeas modelo do Seixo, Carzoá, Covelo, Francos de Proendos e Mouteira-Parada
07 Jun 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública e de interese social as aldeas modelo do Seixo (A Gudiña), Carzoá (Cualedro), Covelo (Taboadela), Francos de Proendos (Sober) e Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade). Trátase das primeiras cinco aldeas declaradas tras a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que, polo tanto, se lle aplicará esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais respectivos.

Esta declaración de utilidade pública permitirá axilizar a posta en valor de máis de 130 hectáreas arredor dos núcleos de poboación que se busca dinamizar, con case 1.400 parcelas implicadas de preto de 600 propietarios. En concreto, a aldea modelo do Seixo abrangue 30,6 ha, 223 predios e 76 propietarios; a de Carzoá ten 53,68 ha, 389 parcelas e 215 titulares; a aldea de Covelo conta con 15,05 hectáreas, 223 parcelas e 109 propietarios; a de Francos de Proendos abarca 12,87 ha, 119 predios e 70 propietarios e, por último, a aldea modelo de Mouteira-Parada consta de 17,99 hectáreas, 427 parcelas e 109 titulares.

Tras estas declaracións de utilidade pública e interese social, o seguinte paso será aprobar os proxectos de ordenación produtiva, nos que se delimitarán -entre outros aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nas aldeas modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia.

De ser necesario, poderanse levar a cabo tamén traballos de investigación da titularidade daquelas parcelas das que se ignore quen é o seu dono. Finalmente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Rural- realizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo.

Mediante estes instrumentos, perséguese avanzar na procura da recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal -particularmente daqueles que se encontran en situación de abandono e infrautilización-, así como dos núcleos incluídos neles. O obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade de vida nestas zonas, ao tempo que se aumenta a seguridade das persoas e dos seus bens ao exercer este aproveitamento das terras de devasa natural fronte aos incendios forestais.

Enlaces ós decretos:
 
  • Aldea modelo de Covelo (Taboadela):
 
  • Aldea modelo de Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade):
 
  • Aldea modelo del Seixo (A Gudiña):.
 
  • Aldea modelo de Francos de Proendos (Sober):
 
  • Aldea modelo de Carzoá (Cualedro):