As aldeas modelo da Xunta fixeron posible que Galicia lidere un proxecto europeo para a creación de comunidades enerxéticas baseadas na biomasa
A iniciativa das aldeas modelo, promovida pola Xunta en desenvolvemento da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, favorece a captación de fondos europeos no eido da transición enerxética. Así, esta ferramenta de recuperación propiciou que Galicia -a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural- lidere o proxecto POCTEP Aldealix_Aldeas Modelo, que se integra no instrumento Interreg e que suporá a achega de case dous millóns de euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
O seu obxectivo é promover a creación de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa no territorio rural como unha alternativa viable para producir enerxía de proximidade a partir do aproveitamento dos recursos dos montes da contorna. En concreto, estas comunidades inclúen redes de calor con biomasa complementadas con enerxía fotovoltaica, nas aldeas modelo dos concellos de Cerdedo-Cotobade (Parada-Mouteira) e Monterrei (Infesta), para as que se destinará un orzamento de arredor de 700.000 euros.
Precisamente, o municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade acolleu hoxe a xornada de lanzamento deste proxecto europeo. Na súa clausura participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, xunto ao alcalde desta localidade pontevedresa, Jorge Cubela, e o rexedor de Monterrei, José Luis Suárez.
Novas solucións
Neste foro, os representantes da Xunta coincidiron en destacar que este proxecto aproveita a iniciativa das aldeas modelo, e a gobernanza social creada neste instrumento de recuperación de terra agraria, co fin de promover o desenvolvemento de novas solucións que permitan mellorar a calidade de vida da poboación no rural, neste caso no eido da transición enerxética.
Para iso, propón o desenvolvemento de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa nas aldeas, co obxectivo de producir enerxía de proximidade a partir do aproveitamento da biomasa dos montes da contorna e que carece de saída comercial.
Así, o foco destas comunidades será o abastecemento de necesidades térmicas de vivendas e edificios públicos mediante a creación de pequenas redes de calor, que se complementarán coa xeración de enerxía eléctrica fotovoltaica. Contribúese á transición enerxética mediante o fomento das enerxías renovables á vez que se promove o emprego local vinculado á biomasa local forestal.
O proxecto ten ámbito transfronteirizo (Galicia-Norte de Portugal) e, ademais do liderado da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, conta como socios coa Axencia Galega da Industria Forestal -ambas adscritas á Consellería do Medio Rural-, os concellos galegos de Cerdedo-Cotobade e Monterrei, os municipios portugueses de Arcos de Valdevez e Vila Pouca de Aguiar e a Comunidade Intermunicipal de Alto Támega, tamén do país luso.