A Xunta potencia o emprendemento e a implantación de novos modelos de negocio no agro a través do papel dinamizador dos grupos de desenvolvemento rural

Papel dinamizador GDR
12 Jul 2022

Inés Santé puxo en valor a iniciativa dos GDR Terras de Miranda, Seitura 22 e Montes e Vales e Orientais, na que un total de 30 proxectos e 40 emprendedores xa están a desenvolver o seu itinerario empresarial para xerar riqueza e emprego no rural. O proxecto recibiu unha axuda do programa Leader de máis de 15.000 euros, no marco dos 7,3 millóns destinados polo Goberno galego a garantir a continuidade da actividade dos grupos de desenvolvemento rural durante os anos 2021 e 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, clausurou esta mañá a xornada de presentación da incubadora de emprendemento Revolta Rural, promovida polos grupos de desenvolvemento rural (GDR) Terras de Miranda, Seitura 22 e Montes e Vales e Orientais. Alí, a directora xeral destacou o papel dinamizador destes grupos das provincias da Coruña e Lugo e dos do resto da comunidade, así como a súa capacidade para xerar riqueza e emprego en colaboración cos axentes do territorio, contribuíndo á fixación de poboación no rural.

Na súa intervención, Inés Santé puxo en valor a incubadora Revolta Rural, como traballo en rede impulsado por tres GDR galegos no marco do programa Leader. En concreto, recibiu unha achega superior aos 15.000 euros dentro dos 7,3 millóns destinados pola Xunta a garantir a continuidade dos grupos de desenvolvemento rural durante os anos 2021 e 2022, así como ás súas actividades de dinamización. Este proxecto -que se comparte tamén con Huesca e Burgos, co apoio de CaixaBank- pretende crear unha gran comunidade de empresas e emprendedores no rural. Ao seu abeiro, un total de 30 proxectos e 40 emprendedores xa están a desenvolver o seu itinerario empresarial.

Así, durante unha maratón de emprendemento na que os participantes traballaron as súas ideas de negocio con mentores especializados en innovación, asesoramento legal e financeiro, comercialización e marketing, un total de 12 iniciativas resultaron gañadoras. Serán estas as que agora, nesta segunda fase de incubación que se desenvolverá durante seis meses, contarán con bolsas de mentoría especializada, que se sumarán aos talleres formativos para os 30 participantes nos que se tratarán contidos para a creación e comercialización de experiencias turísticas ou produtos agroalimentarios, así como para o desenvolvemento de modelos de negocio que poñan en valor os recursos do territorio, como o sector enerxético, forestal ou servizos á poboación. A maiores, haberá encontros con modelos de negocio referentes no ámbito rural.

A directora xeral salientou os obxectivos do presente proxecto de potenciar e promocionar o emprendemento nas zonas rurais, aumentar o impacto socioeconómico do territorio, diversificar os sectores empresariais do rural, facilitar o emprendemento ofrecendo recursos para poñer en marcha os negocios, fomentar o traballo en rede entre os grupos de desenvolvemento rural e buscar solucións innovadoras que sexan transferibles a outros territorios.

Cabe engadir que os grupos participantes abranguen áreas rurais das provincias da Coruña e Lugo. Así, a asociación Seitura 22 ten como zona de influencia os concellos das comarcas do Eume, Ferrolterra e Ortegal, ademais dos municipios de Miño e Vilarmaior. Mentres, o grupo de desenvolvemento rural Terras de Miranda abarca Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; mentres o de Montes e Vales Orientais actúa na Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, A Fonsagrada, Negueira de muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e Pedrafita do Cebreiro.