A Xunta pon en valor as case 9.000 hectáreas que están sendo mobilizadas a través dos polígonos agroforestais
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisou esta mañá os traballos de roza que se están levando a cabo no polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde. Alí puxo en valor as case 9.000 hectáreas que se están a mobilizar a través dos polígonos agroforestais, un dos instrumentos que impulsa a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
Neste senso, o conselleiro lembrou que a nosa Comunidade conta –a día de hoxe- cun total de 23 polígonos agroforestais que se atopan en distintas fases. Estes suporán a mobilización de case 9.000 hectáreas distribuídas en algo máis de 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños.
No que atinxe á provincia de Pontevedra, José González indicou que son 3 os polígonos declarados, os cales mobilizarán preto de 235 hectáreas. Precisamente, un deles é o de Cerdedo-Cotobade, que contempla unha superficie de case 68 hectáreas repartidas en 1.534 parcelas propiedade de 278 veciños, cuxo principal uso será a produción de mazá de sidra. Amais, nesta provincia están tamén os polígonos de Mandelos (Crecente) e de Panascos (Tomiño).
Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor este tipo de figuras, coas que se consegue recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. Ademais, cómpre sinalar que a mobilización de todos estes terreos faise co consentimento dos propietarios e que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado.
Así mesmo, a Lei de recuperación establece que cos polígonos agroforestais poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.
Aldeas modelo
Xunto a estes 23 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas. Precisamente, unha delas está no municipio de Cerdedo-Cotobade, en Mouteira-Parada. Dita aldea conta cunha superficie de case 18 hectáreas arredor do núcleo a dinamizar repartidas en 427 parcelas de 109 propietarios. O seu uso principal perfílase para a gandaría en extensivo e a plantación de árbores para a obtención de froito.
Polo tanto, destacou José González, desde que entrou en vigor a Lei de recuperación -en maio de 2021-, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas de interese agrario.
Axudas dinamización núcleos
Cabe lembrar que a Consellería sacou unha liña de axudas para levar a cabo proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais. Así, a convocatoria deste ano 2023 conta cun orzamento de dous millóns de euros.
Precisamente, o concello de Cerdedo-Cotobade foi beneficiario de dúas subvencións. Unha das axudas foi para a creación de beirarrúas en varias rúas da aldea, mellorando tamén o tránsito das persoas con problemas de mobilidade reducida e instalando unha rede de recollida e drenaxe de pluviais. A segunda achega será para a creación dunha pequena praza empedrada e con bancos na entrada da Igrexa e do cemiterio de San Pedro de Parada.
Con estas axudas, búscase mellorar a calidade de vida e a contorna habitada dos núcleos rurais vinculados aos instrumentos de recuperación, ao tempo que se melloran infraestruturas para o desenvolvemento de actividade económica.