A Xunta inicia os traballos da parcelaria de Cristimil, en Lalín, que suporán a reestruturación de 456 hectáreas de 234 veciños
A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión informativa cos veciños interesados no proceso de reestruturación parcelaria da zona de Cristimil, no concello pontevedrés de Lalín, cuxos traballos se van iniciar proximamente.
Neste encontro, a directora xeral deu os detalles desta concentración, que se atopa en fase de decreto e que ten unha superficie de 456 hectáreas, beneficiando un total de 234 propietarios. Segundo explicou Inés Santé, están xa contratados os primeiros traballos de levantamento topográfico e obtención dos planos parcelarios, así como da preparación das bases e do plan de ordenación de predios de especial vocación agraria. O orzamento previsto para estes labores supera os 162.000 euros, que se suman aos máis de 180.000 euros investidos ata o de agora nesta parcelaria.
No termo municipal de Lalín, oito parcelarias están mobilizando actualmente máis de 9.700 hectáreas de superficie. Ademais da de Cristimil, trátase dos procesos de Val-Bermés-Sello, Santa Baia de Losón; Vilatuxe; Cercio; Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto; Galegos e Goiás-Xaxán-A Veiga. Nestas reestruturacións, a Consellería do Medio Rural leva investidos máis de 19 millóns.
Mobilización de terras en Galicia
Deste xeito, a Xunta segue traballando para poñer en valor o territorio e, a través dos diferentes mecanismos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as reestruturacións parcelarias, mobilizáronse en total xa 35.000 hectáreas en toda a comunidade nos últimos catro anos.
Así, dende 2020 a Xunta rematou un total de 32 concentracións parcelarias e decretou outras 29. As rematadas abarcaron unha superficie total de máis de 21.753 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.318 propietarios que recibiron case 36.690 títulos de propiedade. O Goberno galego mantén o seu compromiso coas reestruturacións parcelarias, e este ano destina 24 millóns de euros para seguir avanzando nestes procesos, que son fundamentais para organizar o territorio e poñelo en valor.