A Xunta impulsa o polígono de Barzamedelle eliminando 33 hectáreas de acacias para controlar esta especie invasora e facilitar a investigación da titularidade dos predios
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo tenente de alcalde de Leiro, Ramón Álvarez, supervisou hoxe os labores de posta en marcha do polígono agroforestal de Barzamedelle.
O conselleiro puxo en valor, de maneira especial, os traballos de roza das acacias, que polo de agora abranguen unha superficie de 33 hectáreas, das 59,2 que se estima ocupa esta planta dentro do perímetro do polígono, é dicir, case o 56% do total.
Neste mesmo sentido, José González subliñou ademais que con esta actuación, pioneira no seu enfoque e dimensións, refórzase a protección da bisbarra do Ribeiro fronte os incendios forestais, ao tratarse dunha especie invasora e ademais pirofítica, polo que representa un risco dende o punto de vista da prevención do lume. Sinalou tamén que son traballos precisos para o recoñecemento das parcelas existentes e da investigación dos seus titulares.
Limpeza de camiños
A maiores, o titular de Medio Rural trasladou que tamén se actuou na limpeza e recuperación en case seis quilómetros e medio de camiños, para mellorar as comunicacións dentro dun polígono que se enmarca na aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e que suporá mobilizar un total de 145,6 hectáreas. Polo de agora identificáronse xa, mediante a investigación da propiedade, un total de 183 parcelas de 113 propietarios, o que representa que está identificada a titularidade de 63 das 145,6 hectáreas que conforman o polígono, é dicir, un 43% do total.
Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo é poñer en valor terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable. Búscase así, engadiu, crear actividade agrogandeira, fixar poboación e anticiparse aos incendios forestais. Neste caso concreto, González trasladou que a orientación principal do polígono será o viñedo (cultivos leñosos), dada a súa situación estratéxica, o que permitirá aumentar a produción da denominación de orixe Ribeiro.
Mobilización de 35.000 hectáreas
Nesta liña, o conselleiro salientou que con estas ferramentas da Lei de recuperación -os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas-, máis o labor desenvolvido mediante as concentracións parcelarias, a Xunta puxo en valor xa arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia.
No que atinxe en particular aos polígonos agroforestais, xa existen na nosa comunidade un total de 24 en distintas fases de execución, que supoñen a mobilización de algo máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de máis de 7.900 veciños.
Un total de 17 destes polígonos atópanse na provincia de Ourense, remarcou González, quen tamén se referiu a outra das figuras da devandita Lei, como son as aldeas modelo. Neste sentido, lembrou que xa hai 21 aprobadas na nosa comunidade e que 14 delas se sitúan en territorio ourensá.
Neste contexto, o titular de Medio Rural puxo en valor que todas estas actuacións contan sempre co consentimento dos veciños interesados. De feito, subliñou, poden ser promovidas pola Administración ou por particulares, pero requiren o acordo de propietarios (ou de representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto.
Neste mesmo sentido, o conselleiro afirmou que o obxectivo de todo este labor é o de dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible “vivir no e do rural”. Ademais, procúrase tamén acadar unha anticipación aos lumes e diminuír os danos que estes poidan causar.