A Xunta explica aos veciños interesados os detalles do posible polígono agroforestal de Salvaterra de Miño
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e pola alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, mantivo hoxe unha reunión con veciños para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na parroquia de Cabreira.
Esta iniciativa, que se enmarca na aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, suporá mobilizar un total de 19,67 hectáreas, divididas en 213 parcelas dun total de 135 propietarios. Segundo explicou o conselleiro, trátase de poñer en valor terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable. Búscase así, engadiu, crear actividade agrogandeira, fixar poboación e anticiparse aos incendios forestais.
Nesta liña, José González salientou que xa existen en Galicia un total de 24 polígonos agroforestais en distintas fases de execución, que supoñen a mobilización de algo máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de máis de 7.800 veciños.
Tres destes polígonos atópanse na provincia de Pontevedra, máis concretamente nos municipios de Cerdedo-Cotobade, Crecente e Tomiño, remarcou o conselleiro, quen tamén se referiu a outra das figuras da devandita Lei, como son as aldeas modelo. Nese sentido, González lembrou que xa hai 21 aprobadas na nosa comunidade e que unha -a de Mouteira-Parada, en Cerdedo-Cotobade- corresponde á provincia pontevedresa.
Consentimento veciñal
Neste contexto, o titular de Medio Rural puxo en valor que todas estas actuacións contan sempre co consentimento dos veciños interesados. De feito, subliñou, poden ser promovidas pola Administración ou por particulares, pero requiren o acordo de propietarios (ou de representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70 % da superficie do perímetro do proxecto.
Neste mesmo sentido, o conselleiro concluíu que o obxectivo de todo este labor é o de dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible “vivir no e do rural”. Ademais, procúrase tamén acadar unha anticipación aos lumes e diminuír os danos que estes poidan causar.