A Xunta e o concello do Saviñao estudan a implantación do polígono agroforestal de Xesto con preto de 96 hectáreas na parroquia da Broza

polígono agroforestal de Xesto con preto de 96 hectáreas na parroquia da Broza
18 May 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde do concello do Saviñao, Juan Carlos Armesto, visitou a parroquia da Broza, onde se proxecta instaurar un polígono agroforestal, o de Xesto, que contaría cunha superficie de preto de 96 hectáreas distribuídas en 143 parcelas propiedade de 33 titulares.

Durante a visita, o conselleiro lembrou que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. En Galicia hai 21 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai case dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.000 parcelas propiedade duns 7.500 veciños.

Xunto a estes polígonos agroforestais, o conselleiro indicou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas. Con esta ferramenta búscase recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios.

Así, dentro da comarca de Terra de Lemos hai implantadas varias figuras da Lei de recuperación, como o polígono agroforestal de Ver, no concello de Bóveda, con 51,95 hectáreas distribuídas en 292 parcelas de 200 titulares. Este polígono vén de declararse de utilidade pública e de interese social e nel estase a levar a cabo a investigación da titularidade. Está orientado á gandaría en extensivo (pastos) e a cultivos forraxeiros/herbáceos.

Tamén está a aldea modelo de Parada dos Montes, na Pobra do Brollón, de 15,55 ha, 278 parcelas e 73 propietarios, que conta con produción de vacún en extensivo. Mentres, a de Francos de Proendos, en Sober, saíu a concorrencia o venres pasado e nela defínense como actividades principais a explotación gandeira en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto e como actividade secundaria, a plantación de árbores para a obtención de froito nunha das zonas definidas. Ten unha superficie de 12,87 hectáreas arredor do núcleo que se busca dinamizar, repartidas en 119 parcelas de 70 titulares.

Nesta liña, cabe apuntar que mediante a Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego, con figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.