A Xunta destina este ano máis de 18 M€ ao plan de actuacións para a recuperación da terra agraria
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta tarde a xuntanza do Consello de Xestión da Terra Agroforestal, un órgano consultivo colexiado adscrito á Consellería do Medio Rural que se encarga de reforzar a coordinación das políticas públicas nesta materia. Nesta reunión presentouse o Plan anual de actuacións para a recuperación da terra agraria 2023, un documento elaborado consonte ao establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Este plan incorpora ampla información sobre os traballos da Xunta no eido da recuperación da terra, establecendo unha serie de obxectivos específicos concretados en cinco eixes estratéxicos e divididos en 37 propostas de actuación, para as que se destinarán máis de 18 millóns de euros.
O documento ábrese cun apartado de estudos previos realizados nos anos 2021 e 2022 para buscar a máxima eficacia na aplicación dos instrumentos de mobilización e recuperación de terras. Estas análises permitiron, por unha banda, localizar a demanda de terra agraria a partir da información recollida na manifestación de interese convocada por Medio Rural, que deu como resultado a demanda de máis de 213.000 hectáreas das que unhas 21.000 xa puideron ser xeorreferenciadas. A comparación da localización desa demanda coa dispoñibilidade de terras en abandono en zonas de concentración parcelaria permitiu identificar un total de 71 concellos nos que a demanda pode ser satisfeita coa superficie dispoñible nesas áreas de reestruturación.
Ademais, este Plan anual incorpora ata cinco eixos estratéxicos. No eixe 1, de organización administrativa, continuarase co proceso de integración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, aprobarase o contrato de xestión desta Axencia, seguirase a impulsar o Consello de Xestión da Terra Agroforestal, crearase o Rexistro de entidades colaboradoras e continuarase co desenvolvemento de sistemas informáticos para a aplicación da Lei de recuperación.
No eixe 2, de ordenación de usos e planificación, finalizarase a elaboración do Mapa de usos agroforestais de Galicia e continuarase a traballar en catálogos parciais de solos agropecuarios e forestais correspondentes a instrumentos de recuperación de terras e no catálogo de Galicia. En relación co Mapa, cómpre destacar que xa se completaron os traballos en 23 concellos galegos e noutros 165 estase en fase de dixitalización, revisión ou control de calidade. Estes traballos implican a revisión e edición, nos casos que corresponda, de máis de 11 millóns de parcelas catastrais e de preto de 16 millóns de recintos do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac).
Bancos de terras e de explotacións
No eixe 3, de instrumentos e procedementos de mobilización de terras, seguirase a traballar na mellora do Banco de terras mediante a implantación de novos procedementos como o de arrendamento sen concorrencia (que axiliza os procesos de xeito moi significativo), o alleamento a título oneroso ou a cesión temporal gratuíta, así como a adaptación doutros procedementos xa existentes. Na mesma liña, poñerase en marcha o sistema informático para a xestión do Banco de explotacións co gallo de garantir a remuda xeracional no sector primario. Así mesmo, finalizarase o proxecto piloto de permutas de especial interese agrario -que contempla unha superficie dunhas 400 hectáreas no concello lucense de Friol- e porase e marcha unha liña de axudas para o financiamento dos gastos notariais e de inscrición no rexistro da propiedade derivados destas permutas.
No eixe 4, de instrumentos de recuperación de terras, continuarase a traballar no desenvolvemento dos polígonos agroforestais, das aldeas modelo e das agrupacións de xestión conxunta, así como no Plan de pastos ou na recuperación de soutos tradicionais. Das 21 aldeas modelo declaradas neste momento, oito xa se atopan en funcionamento e ao longo de 2023 acometeranse os traballos necesarios para poñer en marcha as restantes mediante a execución das obras das aldeas xa adxudicadas e da publicación dos proxectos de ordenación produtiva o dos procedementos de concorrencia pública das restantes aldeas. Así mesmo, continuaranse declarando novas aldeas modelo, entre elas as que se atopan actualmente en fase de recollidas de sinaturas.
Polígonos agroforestais
No caso dos 21 polígonos agroforestais de iniciativa pública que se están a desenvolver, levarase a cabo a aprobación do acordo de inicio para aqueles nos que o resultado das actuacións previas sexa favorable, aprobarase o estudo de viabilidade para todos os que conten con acordo de inicio e continuarase a traballar na elaboración do proxecto básico dos dez polígonos que contan actualmente con acordo de inicio.
Do mesmo xeito, continuarase coa execución do Plan de pastos de Galicia, co que xa se executaron dende 2020 arredor de 1.200 hectáreas e un investimento de preto de 5 millóns de euros que corresponden ás dúas primeiras fases, mentres que coa terceira está previsto rematar outras 308 hectáreas a finais deste ano, sumando 2 millóns máis ao seu orzamento. Tamén se levará a cabo a recuperación de soutos tradicionais, apoiada por unha nova liña de axudas específica que se vén de convocar por un importe total de case 3,6 millóns de euros, actualmente aberta e destinada tamén á plantación de castiñeiros.
No eixe 5, de medidas de fomento, inclúense as convocatorias de axudas para servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados a instrumentos de recuperación da terra agraria, convocadas a comezos deste mesmo mes e dotadas con máis de 2 millóns de euros. Tamén, as achegas para proxectos de investimentos en actividades non agrícolas, cuxa convocatoria se fixo a finais de xaneiro por importe de 3,4 millóns de euros. Ambas convocatorias teñen o prazo de solicitudes aberto.
Ademais, porase en marcha unha nova convocatoria destinada á elaboración de plans de dinamización e publicaranse os modelos orientativos de estatutos e o modelo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor das agrupacións forestais de xestión conxunta, así como as axudas para o fomento e apoio a estas agrupacións.