A Xunta abre o prazo para arrendar parcelas a través do Banco de Terras de Galicia
A Consellería do Medio Rural vén de abrir o pasado 2 de maio o prazo para presentar as solicitudes de arrendamento de parcelas a través do Banco de Terras de Galicia, que estará aberto ata o 23 de maio.
Trala publicación do Real Decreto 1177/2023, do 27 de decembro, polo que se modifican diversos reais decretos ditados para a aplicación en España da Política Agraria Común, variouse a condición de que o solicitante non tivera recibido “dereitos da reserva nacional en anteriores asignacións de dereitos de pago básico da renda nacional ou dereitos de axuda básica á renda para a sostibilidade da reserva nacional”. Por iso, e como novidade, favorecerase o acceso á reserva nacional para “responsables de explotacións que participen en programas de reestruturación, cuxo obxectivo sexa evitar o abandono de terras, no marco dunha intervención pública mediante unha norma autonómica con rango de lei”.
Ademais dos beneficiarios que participan en programas de reestruturación, como os polígonos agroforestais, aldeas modelo, actuacións de xestión conxunta ou permutas de especial interese agrario, o Banco de Terras tamén está considerado como un instrumento de mobilización. Por iso, só co arrendamento a través do Banco poderase ter acceso a estes dereitos. A única limitación sería cumprir os requisitos xerais e a dispoñibilidade de dereitos da axuda básica á renda para a sostibilidade (ABRS) na reserva.
Esta medida poderá beneficiar actualmente aos arrendatarios das 2.469 hectáreas arrendadas (ou en proceso de arrendamento) a través do Banco de Terras para usos agrogandeiros e, no futuro, aos arrendatarios das 1.255 hectáreas actualmente dispoñibles con usos vinculados a aproveitamentos agrícolas ou pecuarios. A isto hai que engadir a posibilidade de formalizar arrendamentos xa existentes ou novos a través da figura do arrendamento pactado do Banco de Terras, que é aplicable a calquera superficie do territorio galego.
A supresión do requirimento de non ter recibido con anterioridade dereitos de pago básico da reserva nacional permitirá solicitar axudas á renda para a sostibilidade de superficies que a día de hoxe son deficitarias de dereitos.
Calquera persoa que precise terras para desenvolver ou ampliar unha explotación agraria ou forestal, ou para desenvolver un proxecto con outros fins, pode dirixirse ao Banco de Terras. Nel poderá atopar unha relación permanentemente actualizada das fincas que están dispoñibles e solicitar o seu arrendamento ou cesión por un período de tempo determinado.
Sobre o Banco de Terras
O Banco de Terras de Galicia é un instrumento creado pola Consellería do Medio Rural co dobre obxectivo de evitar o abandono da terra agraria e de poñela a disposición de todas aquelas persoas que a necesiten para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e patrimonio ou outros usos de interese social. A función principal do Banco de Terras é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias de terras e aquelas que as precisan, así como dar a ambas partes garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso das fincas.
O Sistema de Información de Terras de Galicia é a ferramenta web na que se poden consultar e solicitar as parcelas que están incorporadas ao Banco de Terras de Galicia, que contén unha lista actualizada de todas as parcelas dispoñibles.