Medio Rural pon en valor as ferramentas de mobilización de terras na aldea de Meixide, situada no concello ourensán da Veiga
A directora xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada polo alcalde da Veiga, Juan Anta, realizou unha visita pola aldea de Meixide, no citado concello ourensán. Alí, puxo en valor as ferramentas de mobilización do territorio coas que conta a Consellería do Medio Rural.
A aldea de Meixide, onde se realizaron traballos de mobilidade de terras, está a pleno rendemento dende o ano 2022 e conta cunha superficie de 76,85 hectáreas, divididas en 646 parcelas de 151 titulares catastrais. Desta superficie, 61,6 hectáreas son traballadas por un gandeiro local, cuxa orientación produtiva é a gandaría de vacún en extensivo de razas autóctonas en ecolóxico.
Estes terreos están arrendados a través do Banco de Terras, ferramenta coa que conta a Consellería do Medio Rural para poñer a disposición de todas aquelas persoas interesadas que necesiten terreos para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación de natureza e patrimonio ou outros usos de interese social. Previo a este arrendamento, actuouse en máis de 3 quilómetros de peches e instalacións de manexo e alimentación gandeira, o que supuxo un investimento por parte do Goberno autonómico de 114.359,84 euros.
Ademais da visita a estes terreos, a directora xeral tamén coñeceu o núcleo rural de Meixide, onde se revisaron os investimentos realizados en servizos básicos locais para mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e así fixar poboación.
A maiores dos polígonos agroforestais e as aldeas modelo, a Lei de recuperación da terra agraria conta con outros instrumentos de mobilización como as agrupacións forestais de xestión conxunta e as permutas de especial interese agrario. Ademais, a estas ferramentas súmanse as reestruturacións e concentracións parcelarias.