A Comisión Europea considera as aldeas modelo da Xunta de Galicia un exemplo de innovación social en comunidades rurais
A Rede Europea da PAC -EU CAP Network- considera as aldeas modelo da Xunta un exemplo de innovación social en comunidades rurais. Así o indican na súa revista mensual dedicada ás solucións para unha agricultura, silvicultura e zonas rurais prósperas. O artigo céntrase na aldea modelo de Penedo, situada no concello ourensán de Boborás, que conta cunha superficie de 23,41 divididas en 665 parcelas de 131 propietarios. A súa orientación produtiva dedícase ao porco silleiro en extensivo.
Considérase un exemplo de innovación social pola súa contribución á prevención de incendios forestais e á dinamización poboacional dos núcleos rurais. A Comisión Europea puido coñecer esta aldea nunha visita que se realizou en xaneiro deste ano, enmarcada no Grupo Focal Recuperación de terras agrarias abandonadas organizado pola Rede Europea da PAC.
Así, este grupo focal está composto por un panel de 20 expertos de toda Europa que traballaron durante o primeiro semestre de 2023 para identificar e analizar enfoques e iniciativas coas que reducir o abandono de terras agrarias, así como recuperar aquelas xa abandonadas. Na visita os técnicos puideron abordar os principais retos e oportunidades que ofrecen as aldeas modelos, tanto no aspecto medioambiental como no social e económico.
No artigo da revista mencionan tamén a importancia do diálogo entre a poboación local, que axuda a deseñar accións para renovar o patrimonio cultural, os espazos públicos da vila na que estea situada a aldea modelo e mellorar as infraestruturas dixitais.
Cómpre lembrar que as aldeas modelo son un dos principais instrumentos que recolle a Lei de recuperación da terra agraria en Galicia, xunto cos polígonos agroforestais e coas agrupacións de xestión conxunta. O seu obxectivo principal é devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización. Deste xeito, impúlsase nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza, senón que tamén reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade devida dos veciños destes núcleos.